Un convenio para modernizar e difundir o léxico galego

Lexicógrafos do Seminario traballando na sede coruñesa da Barrié

A comezos de 2012, a Real Academia e a Fundación Barrié acordaron traballar conxuntamente na modernización da investigación lexicográfica galega, na creación de novos produtos e utilidades relacionados co léxico e na difusión dos resultados e do propio proceso en si. O acordo contempla a utilización dun espazo no edificio coruñés da Fundación polo Seminario de Lexicografía, a dotación informática do mesmo, a creación dun dicionario electrónico e a posta en marcha deste Portal das Palabras como obxectivos inmediatos.

Ao tempo que se redefiniu a estrutura de información do DRAG para a posta en marcha dunha versión electrónica, un equipo conxunto das dúas institucións valorou as necesidades de hardware e software do Seminario fronte ás novas metas. Este grupo consultor decidiuse por unha estrutura en rede de computadores portátiles, mais pantalla e teclado, traballando contra un servidor e utilidades específicas para traballos léxicos.

En concreto unha “suite” da empresa surafricana Tshwanedje que conta con programas de elaboración de dicionarios, tratamento terminolóxico e de análise de corpus lingüísticos.

En setembro de 2012, o Seminario comezou a traballar na sede da Barrié coas novas ferramentas informáticas. A adaptación de formatos e metodoloxía foi ardua e complexa mais a implantación permite, na actualidade, traballar con maior seguridade e un mellor control dos datos. Asemade, proporciona unha maior rapidez na xestión e na localización da información, así como desenvolver con efectividade solucións como a creación de referencias cruzadas entre lemas, un dicionario de sinónimos e antónimos, e a posta en marcha dun potente sistema de busca avanzada.

O convenio leva consigo o lanzamento de aplicacións gratuítas do anovado Dicionario para móbiles e computadoras de man con sistemas operativos iOS ou Android. Estas apps conteñen o Dicionario completo, o que permite consultalo sen necesidade de estar conectado.

As entidades asinantes do convenio anuncian, para 2013 e mais o ano vindeiro, melloras e ampliacións de uso do Dicionario na web e nos dispositivos móbiles, así como unha constante renovación do Portal das Palabras.

Os promotores valoran o traballo realizado como moi importante para a lingua e fundamental para a difusión e coñecemento do noso léxico, concluíndo que a marcha do proceso e os produtos desenvolvidos, ata o momento, colocan o galego na vangarda da modernización e divulgación lexicográfica, probablemente por diante doutras linguas románicas.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir