
Hoxe, 31 de outubro, superaremos o número de 15.000.000 de buscas desde comezo de ano, unha cifra contundente que demostra unha crecente e fortísima demanda social de ferramentas na nosa lingua. En 2013, a Academia estreou a versión electrónica do Dicionario e desde entón a cifra de uso non fixo máis que medrar de maneira exponencial. Se consideramos os datos referidos aos dous últimos anos, comprobamos que das 14.400.000 buscas en 2016, este ano é probable que cheguemos aos 19 millóns, xa que a día de hoxe, 31 de outubro, temos máis de 15 contabilizados.
O Dicionario electrónico está dispoñible na web da Academia e na do Portal das Palabras, así como nos experimentais DicionarioLab e o bot do messenger de Facebook. A maiores, tamén se poden utilizar as aplicacións para móbiles Android e iOs, que superan entre as dúas plataformas o número de 69.000 descargas.
Neste momento, o Dicionario xa non é só unha fonte de consulta; é máis ben unha ferramenta de traballo para un gran número de persoas. Chégase a este punto despois de anos de esforzo, de innovacións, un tempo en que tamén se formou ao redor do Dicionario unha comunidade cooperativa e dinámica, composta por quen cada día envía os seus comentarios e propostas, o que enriquece considerablemente o traballo lexicográfico, xerando un espazo de actualización permanente, á altura das necesidades da sociedade á que vai dirixido.
Parabéns e grazas.