Deseucaliptización, Palabra do Ano 2018

Xa temos a Palabra do Ano 2018! As persoas que participastes na escolla promovida polo Portal das Palabras escollestes por ampla maioría “deseucaliptización”. Este neoloxismo que reflicte un aspecto destacado da crecente preocupación pola xestión dos nosos montes non está recollido no Dicionario, pero axústase ás regras de formación de palabras da nosa lingua.

Deseucaliptización” sumou 3114 votos, máis da metade dos 5.724 votos emitidos, moi por diante das outras cinco palabras finalistas, todas elas cunha importante carga informativa relacionada con acontecementos que marcaron a actualidade dos últimos doce meses. A segunda máis votada foi, de feito, feminismo, con máis dun milleiro de votos nun ano cheo de reivindicacións en todo o mundo da fin da desigualdade por motivos de xénero. Este ambiente tamén se reflectiu na presenza na final de sororidade, que acadou uns 650 votos, e apoderamento, que superou os 300. Entre estes dous termos colocouse fariña, con máis de medio milleiro de apoios nunha listaxe que pechou fascismo.

Non é a primeira vez que a inquedanza polo grande avance dos eucaliptos nos nosos montes deixa rastro na elección da Palabra do Ano. En 2017 venceu afouteza, pero entre as finalistas estiveron vaga de lumes e a forma oposta á gañadora de 2018, eucaliptización. Desta volta a vencedora apela ao desexo de recuperación da masa forestal autóctona cando a plantación e reforestación indiscriminada dos eucaliptos provoca cada vez máis rexeitamento, tanto pola pegada que deixan na paisaxe como polo seu impacto na biodiversidade e outros problemas asociados á súa proliferación, e non só en Galicia e no veciño Portugal, senón tamén noutros lugares do planeta como California.

Pero volvamos á cuestión lingüística? Tedes claro cales son as raíces da Palabra do Ano 2018? Contámosvolo neste Mira que din edición especial fin de ano!

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir