Un Dicionario normativo, útil e moderno para toda a sociedade

Manuel González e Antón Santamarina (dereita).

Unha compilación de palabras que ordenou facer o rei asirio Assurbanipal, ao redor do século VII antes da nosa era, pasa por ser o primeiro dicionario da historia. Desde entón este tipo de compendios xa non nos abandonou. Dous mil cincocentos anos despois publicábase o primeiro editado en Galicia, o dicionario galego-castelán de Francisco Javier Rodríguez. Nesta reportaxe os co-directores do actual dicionario da RAG, Antón Santamarina e Manuel González, explícannos as súas claves.

A Real Academia presenta agora, en 2013, unha profunda revisión do dicionario electrónico da institución, o DRAG. Para Antón Santamarina, “non se tratou de facer un dicionario dun autor, ou dunha editorial, senón que é un dicionario que presenta os termos máis necesarios para comunicármonos, partindo dos usos reais, recollidos de corpus literarios, xornalísticos e orais, e escollendo as palabras propostas entre as variantes dialectais máis estendidas. Neste tipo de dicionarios non pode estar toda unha lingua”.

Un dicionario normativo

O profesor González apunta que se fixo “o dicionario que o país precisa neste momento, cun idioma en conflito, e coa necesidade de restituír boa parte do noso léxico ocupado por palabras foráneas. Por iso se fai un dicionario normativo”.

En opinión de Santamarina, non ten unha vontade apenas recolectora, senón que “pretende unha modernización da lingua”. Non se trata só de escoller lemas e definir o significado dos termos, considera o profesor, “ten que axudar a que se utilice a palabra dunha forma correcta, e para iso partimos do galego actual, sen perder de vista o histórico e intentando preservar a pureza idiomática”.

“Continuando co que di Antón”, prosegue González, “traballar cos corpus e contar co Dicionario de dicionarios –do que é autor Santamarina–, permítenos partir dunha gran base lexicográfica, a máis ampla de toda a historia, e isto non só facilita o coñecemento dos significados, senón tamén os usos dunha voz e os contextos nos que se utiliza”.

O DRAG e os seus precedentes

“Alguén dixo que os dicionarios son, por definición, plaxios en orde alfabética”, bromea Santamarina, “aínda que isto non é así, cada un recolle dos anteriores, mais tamén incorpora novos termos e contextualiza mellor os significados”. E engade, “hai unha gran diferenza entre os máis vellos e os recentes. Aqueles non tiñan unha estrutura lexicográfica e mesturaban galego antigo co do seu tempo, inzando o conxunto de arcaísmos. Tampouco eran selectivos xa que podían incluír variantes dun mesmo termo de xeito indiscriminado, cada unha colocada na orde alfabética que lle correspondía”.

Segundo Manuel González a historia de sometemento do noso idioma tamén provocou que, en determinados momentos, “se recorrese á adopción de termos de linguas de fóra e, especialmente na época da intelectualización da lingua, é dicir, cando se pasou –na fin do XIX e no XX– dunha lingua oral a unha lingua de escritura, á invención de palabras, con rebuscadas adaptacións, normalmente a partir do castelán, e que se foron incorporando aos dicionarios, feito que posteriormente houbo que corrixir”.

Os eixes fundamentais nos dicionarios modernos

Santamarina e González coinciden en que os dous grandes saltos na lexicografía son froito da informática: traballar con corpus dixitalizados e contar con programas específicos.

Santamarina explica que “en todas as linguas do mundo, para elaborar os antigos dicionarios, recollíanse palabras que chegaban a través de informantes ou polos propios autores actuando como tales, e moi escasamente por medio do léxico aparecido en textos. Era un proceso complexo e pesado que provocaba que se perdese información e mesmo ás veces os propios termos, xa que as notas podían arder nun incendio, estragarse nunha inundación ou… comelos os ratos. Hoxe en día coa informática e as tecnoloxías da comunicación iso está superado. Temos moita literatura, noticias de medios e mesmo lingua oral dixitalizada. Este corpus é a base fundamental para a elaboración do Dicionario”.

“A automatización da información é a peza chave”, considera González. “Da evolución do traballo manual –con limitacións de memoria, pistas abertas, incoherencias, etc. –, a un traballo sistematizado que se basee nunha orde estrita, vai un mundo”. A nova forma de traballo permite, segundo el, “unha coherencia maior e a explotación de determinadas utilidades antes impensable, máis aínda cando agora contamos con programas específicos, que impiden erros e axudan a avanzar con maior rapidez”.

Que hai que mellorar e cal é o futuro do DRAG

“O Dicionario é bastante completo”, afirma o profesor Santamarina, “pero hai unha eiva no mundo da informática e as tecnoloxías da comunicación”. Non é un problema específico do noso idioma, dada a cantidade de anglicismos nesta área en todas as linguas do mundo, pero Santamarina considera que “a Academia ten que facer propostas para encher estes baleiros e que a lingua sexa máis ampla e completa”. González concorda e sinala que neste tipo de léxico xa se fixeron achegas importantes para a lingua galega e “imos incorporalo en breve”.

Respecto do futuro, Antón Santamarina cre que os obxectivos inmediatos deben ser “corrixir e actualizar e, por suposto, difundir o léxico do DRAG a través de todas as canles que temos, e especialmente por medio das posibilidades que ofrece a rede e todos os tipos de comunicación dixital”.

Na mesma liña, González confirma: “O DRAG ten na actualidade algo máis de 50.000 entradas. Un dicionario normativo ten entre ese número e 80.000, e coido que é conveniente crecer aínda un pouco máis na incorporación cuantitativa de voces; pero, coincidindo con Antón, creo que o que se precisa agora é colligit, expurgat, innovat, como di a lenda do selo da Academia. O que toca é colleitar, expurgar e innovar, porque o galego corre perigo de sufrir unha deturpación que poña en serio risco a preservación da identidade da lingua”.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir

Axúdasnos a mellorar? Pechar

A túa opinión impórtanos. Queremos saber como usas o Portal das Palabras, que che gusta máis e se botas algo en falta.

Enredarache moi pouco tempo!

Cubre a enquisa aquí