Como sabes, DicionarioLab é o laboratorio de experimentación onde desde hai uns meses podes probar as novidades que imos programando, valorar o seu funcionamento, a súa utilidade, facer suxestións e dar a túa opinión sobre as mesmas. Abrimos hoxe un periodo de probas dunha nova opción de busca no que respecta á fraseoloxía recollida no Dicionario.
Ata o de agora, logo das definicións dos termos, na zona final da devolución das buscas, amósanse, cando é o caso, expresións e frases feitas en que aparece a palabra definida. Esas pequenas descricións da frase ou expresión teñen polo xeral o mesmo tratamento ca as entradas das voces, no que se refire á información que se proporciona.
Nunha das últimas actualizacións, decidimos incluír o conxunto de palabras que forman a frase ou expresión como lemas, de xeito que puidesen ser buscadas e aparacesen na predición.
Con todo, non era posible procurar no conxunto de todas as expresións unha forma lingüística. Por exemplo, non se podía buscar en que frases ou expresións aparecería a palabra “familia”. Agora si, e así poderemos atopar “médico de familia”, “libro de familia”, “cabeza de familia”, “familia numerosa” etc.
Ofrécese esta posibilidade coa idea de que o Dicionario teña máis opcións que faciliten a consulta e ampliar as súas utilidades. Para probar a nova función, entra en DicionarioLab. Agardamos as túas opinións, valoracións e suxestións.