Desfeita, foliada, loia, lume, retrinco e xenocidio son as voces finalistas que optan a se converter na Palabra do Ano 2025. A votación vía telemática estará accesible ata as 23:59 horas do 21 de decembro a través do Portal das Palabras. Lembrade que sodes vós os que tedes a última palabra!
A Real Academia Galega e a Fundación Barrié abren hoxe a votación telemática popular que decidirá cal é a gañadora. Os vocábulos finalistas representan os distintos asuntos que marcaron a actualidade dos últimos meses, tanto a nivel local como global; e amosan a inquedanza social ante a vulneración dos dereitos humanos ou a ameaza dos grandes incendios forestais, mais parte deles tamén buscan a ilusión e o bo ánimo.
Entre as voces finalistas figura o nome común desfeita, unha palabra patrimonial que segue a estar ben viva na fala. Na súa primeira acepción no Dicionario da Real Academia Galega, quere dicir “grave dano, destrución, estrago”. Fórmase a partir da substantivación en feminino do participio do verbo desfacer, que ten, entre outros significados, o de “destruír algo totalmente” ou “facer que algo deixe de existir”; este créase engadindo o prefixo des-, que posibilita a formación de palabras co significado de ‘privación’ ou ‘negación’, ao verbo facer, que procede do latín facĕre.
A loia, “loanza enganosa” ou “aquilo que unha persoa presenta como verdadeiro sabendo que é falso”, é unha palabra que adquiriu na actualidade a acepción neolóxica que se refire ás informacións falsas divulgadas a través de medios electrónicos, xeralmente co fin de desinformar. Esta voz e a sinónima loiada son variantes que derivan da mesma raíz latina laudāre ‘alabar’ e son solucións xenuínas para evitar o innecesario anglicismo fake news.
De entre as propostas que vós achegastes ao Portal das Palabras, aparece a voz patrimonial, lume. Procedente do latín lūmen, -ĭnis onde significaba ‘luz’, ‘resplandor’, consecuencia da preocupación que a vaga de incendios forestais do pasado verán entre todos e todas nós, que cada vez o seu impacto é maior.
O público do Portal das Palabras destacou tamén nesta fase da campaña xenocidio, o termo que se refire á “exterminación metódica dun grupo social por motivos étnicos, relixiosos ou políticos”, e que designa o que está a acontecer en Gaza. Fórmase a partir do grego xeno- ‘pobo’ e o sufixoide de orixe latina –cidio ‘matar’.
Volvendo á noso ámbito, a celebración das Letras Galegas da poesía popular oral e as cantareiras, deixou a súa pegada en forma de propostas diversas na primeira fase. De todas elas a que destaca é foliada, “reunión nocturna de xente para divertirse, cantar e bailar” ou “diversión buliciosa en que participa un grupo de persoas”. O vocábulo que recolle como nos gusta festexar a través da nosa propia música e a danza. Canto á súa orixe, foliada lévanos ao occitano antigo folia, que significaba loucura e que, á súa vez, remitía ao latín follis ‘bolsa’ ou ‘saco’, ‘oco’, ‘cabeza’ ou ‘tolo’.
O Ano Castelao tamén deixou pegada na fase de suxestión de candidatas. A palabra retrinco, tomouna o de Rianxo en plural para titular o libro de relatos publicado por primeira vez en 1934. O Dicionario defínea como “cada un dos anacos que sobran dunha cousa despois de cortala, en especial dunha tea cando se vai confeccionar unha peza de roupa” e tamén como “espazo moi breve de tempo”. Pero na era dos reels e clips, retrinco ben podería emerxer ademais como unha alternativa propia para nomear os triscos de realidade, verdadeira ou ficticia, que captan a nosa atención a través das pantallas.
Do Portal das Palabras ao Ximnasio Léxico
A Real Academia Galega e a Fundación Barrié colaboran en distintos proxectos para o estudo e a divulgación do léxico da lingua galega. A aplicación de xogos do Dicionario, o Ximnasio Léxico, dispoñible para dispositivos Android e iOS, é unha das últimas propostas, que se suma aos contidos que ofrecen a través do Portal das Palabras. Esta web ofrece cada semana xogos e outros contidos que conectan o idioma coa realidade cotiá e a actualidade dun xeito ameno. A palabra do día é outra das seccións deste espazo aberto ao diálogo coas persoas usuarias.
O Portal das Palabras convida ademais todas as persoas que o desexen a participar na escolla da Palabra do Ano desde 2014. Nas edicións anteriores resultaron gañadoras cantareira (2024), cibercarracho (2023), comadre (2022), tanxugueiras (2021), nós (2020), sentidiño (2019), deseucaliptización (2018), afouteza (2017), irmandade (2016) —coincidindo co centenario das Irmandades da Fala—, refuxiado, -a (2015) e corrupción (2014).














