Escolle a Palabra do Ano entre estas seis finalistas

Autoestimacandorcacomadreecocidioinflación e resiliencia son as voces que optan a se converter na Palabra do Ano 2022. Agora chega a fase decisiva, na que podedes elixir dende hoxe e ata as 23:59 horas do vindeiro 25 de decembro. Vós tendes a última palabra!

VOTADE AQUÍ E COMPARTIDE!

A lingua é un espello do que somos, do que queremos ser, do que nos ocupa e preocupa en cada momento a cadaquén e colectivamente. Escollermos a Palabra do Ano significa un xeito de resumir os últimos tempos, de sintetizar como os vivimos, de redimírmonos do que queremos deixar atrás ou de achegármonos ao que arelamos.

Neste 2022 a pegada psicolóxica da pandemia propiciou que aparecese na conversa política e social a necesidade de prestarlle á saúde mental a atención que merece. Arredor dela convertéronse en habituais conceptos como o da autoestima, a calidade da persoa que se valora a si mesma positivamente e que, consecuentemente, lle xera confianza no que di ou fai. Mais a autoestima, por extensión, é tamén un valor que pode reivindicarse como sociedade, como pobo. Do mesmo xeito resiliencia, a “capacidade de adaptación e recuperación fronte a unha situación adversa”, é outra voz asociada á crecente consciencia sobre a importancia do coidado da saúde mental. Porén neste ano no que deixamos atrás as consecuencias máis devastadoras da pandemia da covid-19 lémbranos, sobre todo, a fortaleza demostrada polo pobo ucraíno dende o comezo da guerra a finais do pasado mes de febreiro.

A preocupación polo futuro ambiental do planeta manifestouse nunha manchea de suxestións: dende o sintagma emerxencia climática ao neoloxismo ecocidio, voz esta última que fai referencia ao exterminio deliberado dun ecosistema. Finalista no 2019 e que recunca a proposta dos seguidores e seguidoras do Portal das Palabras nun ano no que temos moreas de exemplos aos que aplicala.

A perspectiva de xénero repite presenza nesta final. En 2017 chegou a esta fase violencia de xénero, en 2018 fixérono feminismo e sororidade e en 2019 feminicidio. Este ano destaca entre as propostas con ollada feminista comadre. Amais de indicar parentesco, o significado recollido no Dicionario da RAG, é tamén frecuente empregar esta palabra para se referir á veciña e á amiga e evocar as relacións de apoio entre as mulleres. Hoxe, de feito, esta voz popular reivindícase como un xeito de designar aquelas que tecen redes de sororidade en pleno s. XXI.

O escenario económico mundial e o seu impacto nas economías domésticas e na das grandes empresas deixa marca nesta final a través do vocábulo inflación, a “situación ou fenómeno que consiste nunha suba xeneralizada e continua dos prezos provocada xeralmente polo aumento excesivo de capital e da moeda en circulación”.

As cada vez máis frecuentes aproximacións de cetáceos a moi pouca distancia da beiramar, e mais os inesperados encontros dalgúns deles coas embarcacións de recreo, parecen explicar unha proposta curiosa: candorca. Denominación en galego da Orcinus orca, un animal pertencente á familia dos delfínidos que chega ata os dez metros no caso dos machos. Presenta bico arredondado e aleta dorsal triangular e distínguese sobre todo polas súas cores: negra no dorso e branca no ventre, con manchas tamén brancas na cara e nos costados.

A Palabra do Ano elixida por vosoutras e vosoutros darase a coñecer nos últimos días do 2022 a través do Portal das Palabras, páxina web dende a cal a Real Academia Galega ofrece xogos, vídeos e outros contidos de divulgación do léxico galego, propón cada mañá a Palabra do día e abre tamén unha fiestra ao Dicionario dixital da Academia que se suma á de academia.gal.

Dende 2014 o Portal das Palabras convida ademais a todas as persoas que o desexen a participar na escolla da Palabra do Ano. Nas edicións anteriores foron elixidas tanxugueiras (2021) nós (2020), sentidiño (2019) deseucaliptización (2018), afouteza (2017), irmandade (2016) —coincidindo co centenario das Irmandades da Fala—, refuxiado, -a (2015) e corrupción (2014).

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir