Aparvar(se), cantareira, dina, emerxencia climática, fala e meu son as voces finalistas que optan a se converter na Palabra do Ano 2024. A votación vía telemática estará accesible ata as 23:59 horas do 25 de decembro a través do Portal das Palabras. Lembrade vós tendes a última palabra!
Aumentou a preocupación polos efectos que teñen sobre nós o consumo constante de contidos nas redes sociais. Isto trae consigo a perda de atención na xente máis nova, e na adulta, o espallamento de loiadas e contidos vacuos. O vocabulario patrimonial é quen de nomear dun modo claro o que sucede cando se usa o móbil ou a tableta de máis e faino co verbo aparvar(se), “quedar parvo ou sen capacidade de discorrer”, na forma intransitiva, ou “pór coma parvo, deixar sen capacidade de discorrer a alguén”, na transitiva. Unha palabra de sempre para reflexionarmos sobre o aspecto negativo do uso que se lles dá as aplicacións máis populares. Este vocábulo conta ademais con varios sinónimos como atrosmarse, emparvecer ou parvear.
A fase de recollida de suxestións deixou propostas variadas vinculadas coas próximas Letras Galegas 2025. De todas elas destaca o substantivo designador das protagonistas desta celebración, as cantareiras, as mulleres que cantan e crean cantigas populares. Palabra polisémica que, cando funciona como adxectivo, adopta as seguintes acepcións: “que sabe cantar ou é afeccionado ao canto” e “que emite un son agradable e melodioso”.
Outra das finalistas é dina, substantivo formado a partir do acrónimo da locución depresión illada en niveis altos. As siglas, como sería este caso, escríbense con maiúsculas e sen punto, mais cando, polo seu uso, se empregan con moita frecuencia convértense en unidades lexicalizadas, como aconteceu con este termo de actualidade debido ao terrible fenómeno atmosférico que sufriu especialmente a Comunitat Valenciana o pasado novembro.
As dinas ou as ondas de calor, así como outros síntomas do quecemento global como a suba do nivel do mar, deixan tamén a súa pegada na lingua en forma de novos vocábulos ou de sintagmas nominais como é o caso de emerxencia climática. Candidata tamén á Palabra do Ano 2024 que nos avisa das graves consecuencias do cambio climático para todo o planeta e obríganos a formular unha acción colectiva para frealo.
A vulnerabilidade da nosa lingua é unha preocupación presente nesta última fase de suxestións. Entre as diferentes voces propostas, chega a esta final, pola súa sinxeleza e rotundidade, fala. A palabra popular que designa a “lingua natural propia dunha comunidade humana” e que funciona en Galicia como sinónimo do idioma propio do país. Para a nosa Fala pedímoslle ao conxunto da sociedade galega que sexa quen de reverter a perda de falantes e que xeremos consensos arredor do noso gran tesouro.
Á oralidade remite igualmente meu, ou miña, esta finalista á Palabra do Ano 2024 é unha forma do posesivo que se usa na tradicional oral, sen artigo, en exclamacións ou vocativos que buscan implicar o receptor na conversa, denota familiaridade e proximidade afectiva entre os participantes desta. Daquela xorden expresións como Que me dis, meu? ou Miña, imos á festa?, semellante ao emprego de ho! ou, cun uso cinguido a territorios concretos, né ou ché.
Recursos na Rede para divulgar e xogar co léxico
O Portal das Palabras é o proxecto da RAG e a Fundación Barrié para a modernización do traballo lexicográfico e a divulgación da nosa lingua. Cada semana ofrece xogos e outros contidos divulgativos que conectan o léxico galego coa realidade cotiá e a actualidade dun xeito ameno. A palabra do día é outra das seccións deste espazo aberto ao diálogo coas persoas usuarias.
Dende 2014 o Portal das Palabras convida ademais a todas as persoas que o desexen a participar na escolla da Palabra do Ano. Nas edicións anteriores foron elixidas cibercarracho (2023) comadre (2022), tanxugueiras (2021), nós (2020), sentidiño (2019), deseucaliptización (2018), afouteza (2017), irmandade (2016) —coincidindo co centenario das Irmandades da Fala—, refuxiado, -a (2015) e corrupción (2014).
Dentro das iniciativas compartidas para a difusión da lingua, a Real Academia Galega e a Fundación Barrié, ademais do Portal das Palabras ofrecen ao público o Ximnasio Léxico, unha aplicación de xogos do Dicionario, dispoñible para dispositivos Android e iOS.