Estas son as seis aspirantes á Palabra do Ano 2020

Gromo, máscara, nós, pandemia, seteiro ou vacina son os seis termos que aspiran a se converter na Palabra do Ano 2020. Son o resultado da fase de recollida de propostas, na que participastes máis de 5.500 persoas. Agora chega a fase decisiva, a elección telemática na que podedes elixir ata as 23:59 horas do 25 de decembro. Vós tendes a última palabra!

VOTADE AQUÍ POLA VOSA CANDIDATA

Dende o Portal das Palabras propoñémosvos dende 2014 participar na elección colectiva da voz que mellor resuma o ano a piques de rematar, ou que saliente un tema de especial relevancia nos últimos doce meses, ou incluso unha maneira de buscarmos acougo.

Moitas das suxestións que fixestes teñen que ver, de feito, coa situación sanitaria que se padece a nivel mundial. Mais hai quen prefire centrarse nalgunhas das cousas boas deste ano e celebrar efemérides destacadas como o centenario da xeración Nós; ou animar a coñecer mellor o ceo e os seus nomes, como suxire a presenza entre as finalistas dun dos xeitos de chamarlle á constelación que na nomenclatura latina se designa como Sagittarius.

Gromo, máscara, vacina e pandemia son vocábulos do noso dicionario que pasaron a ter un novo significado na vida cotiá e mesmo nas obras lexicográficas. Ata agora gromo designaba “o pequeno vulto que lles sae aos vexetais no talo ou nas pólas e que se vai transformando en novas pólas, follas ou flores”. Pero coa pandemia de coronavirus a RAG sumoulle o significado de “aparición súbita dunha enfermidade epidémica entre a poboación dun determinado lugar, así como o de primeira manifestación ou aparición de algo”. Máscara, como o aparello que cobre a cara ou parte dela para protexer as vías respiratorias, é outra palabra que gañou popularidade na rúa ao se converter o seu uso nunha medida preventiva da covid-19. Nas últimas semanas gaña tamén forza nas conversas a voz vacina, a grande esperanza que fai máis soportable esta situación tan desacougante. A ela dedícalle o Portal das Palabras un dos seus últimos contidos, no que se explica a relación do termo cun animal ben propio de Galicia: xorde a finais do século XVIII e deriva do latín científico variola vaccina que significaba ‘varíola das vacas’.

En canto a seteiro, é a denominación para o grupo de estrelas chamadas en latín Sagittarius, ao carón de arqueiro na listaxe de nomes galegos das constelacións, presentada recentemente na Casa das Ciencias da Coruña. A primeira é a forma patrimonial máis en consonancia coa etimoloxía latina para se referir á arma consistente nunha barra fina rematada en punta, se ben constitúe un arcaísmo e hoxe a forma máis transparente para os falantes é a segunda. A parella seta-seteiro presenta en calquera caso algunhas vantaxes, entre elas evitar os problemas da polisemia de arqueiro (que tamén significa fabricante ou vendedor de arcos) e sobre todo da sinonimia con outro arqueiro, o fabricante ou vendedor de arcas.

Nas edicións anteriores gañaron sentidiño (2019), deseucaliptización (2018), afouteza (2017), irmandade (2016) -cadrando co centenario das Irmandades da Fala-, refuxiado/a (2015) e corrupción (2014). Xa nos tarda saber cal será a deste 2020! Participade e compartide!

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir