A Asociación de Usuarios de Internet recoñece o Portal das Palabras como finalista na XIV edición dos Premios de Internet, que se convocan cada 17 de maio con motivo do Día Mundial da Sociedade da Información. Os Premios de Internet teñen como obxectivo destacar as iniciativas e proxectos que demostraron un mellor e máis proveitoso uso da Rede e das novas tecnoloxías durante o ano previo á convocatoria.
O Portal consegue neste 2014 ser un dos tres finalistas na categoría de Contidos Dixitais, onde se valoran as achegas máis innovadoras ou significativas, realizadas nunha determinada sociedade pola iniciativa candidata, sempre por medio de Internet. Este recoñecemento para o Portal das Palabras súmase ao xa conseguido na X Edición dos Premios Eganet, onde resultou gañador na categoría de Proxecto Colaborativo Empresarial e finalista na de Comunicación Dixital.
Os gañadores desta edición dos Premios de Internet vanse coñecer o venres 16 de maio na Gala de Entrega que se celebrará en Madrid na sede do Senado de España.