A espiña de toxo Berenguela

O alcalde berrándolle a Berenguela. Ilustración de Pepe Barro para a primeira edición.

Manuel María e o teatro

A produción dramática de Manuel María foi cumprida, con máis de vinte pezas publicadas –premiadas en repetidas ocasións–, varias que quedaron inéditas e mesmo unha adaptación ao teatro dun poema de Blanco Amor. Comezou en 1957 co Auto do taberneiro e incluíu varias obras dirixidas aos rapaces, entre as que destaca, polas súas moitas representacións no ámbito escolar, As aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela.

Nesta peza breve podemos ver temas como a liberdade do individuo, a denuncia do autoritarismo e o abuso de poder ou a discriminación do diferente, sen perder por iso un ton idóneo para o público infantil, acorde coa concepción xeral do teatro que tiña Manuel María, quen vía neste xénero un instrumento dunha enorme potencialidade educativa.

Fotografía do teatriño de monicreques no que se representou por vez primeira a Berenguela
Fotografía do teatriño de monicreques no que se representou por vez primeira a Berenguela

Como xorde a historia de Berenguela?

Así como fixera Lewis Carroll coa súa Alicia, Manuel María escribiu a peza da Berenguela pensando nos fillos da familia monfortina Rodríguez González, coa que tiña unha estreita relación, para ofrecérllela como agasallo. A Manuel María chamáballe a atención un teatriño de monicreques, feito por Alfonso para entretemento e ilustración dos catro fillos, e prometeulles unha obra orixinal que puidesen representar naquel escenario artesanal. Aí naceron as Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela, na volta do ano 1975, que se estrearían no verán seguinte naquela casa.

Así nolo contan os irmáns para os que Manuel María escribiu a obra

“Cando o maior de nós contaba cinco anos e a máis pequena inda había nacer, o pai fíxonos un agasallo marabilloso: un teatriño de monicreques construído por el mesmo para a galería que chamabamos do Sol e que era moitas veces o único refuxio posible naqueles invernos de Monforte. Dixéranos que se trataba “dun televexo que ten a gran vantaxe de que alí podes dicir o que che peta, pero cun único límite: nel as mentiras feden”.

Foi nese mesmo ano cando Manuel María, que se fixera procurador no despacho do noso avó e pasou a maior parte da súa carreira a carón do noso pai, amante como el do teatro, ofreceu un novo agasallo: As aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela, escrita especificamente para aquel teatriño.

Á volta do ano, en 1976, e rematando o curso escolar, catro persoas, que eran os nosos pais e os nosos tíos, puxéronse mans á obra e cun magnetófono de bobina aberta, un tocadiscos que daquela recibía normalmente o nome de picú, toda a discografía dispoñible na nosa casa e mais algún disco prestado para a ocasión, gravaron a banda sonora que serviría para a estrea nos días posteriores.

Esa porción de verdade que é a Espiña de Toxo, nada allea aos autos e oficios que o Manuel e o Alfonso manexaban acotío, estreouse finalmente, con todos os amigos e compañeiros do instituto onde traballaba a nosa nai e, por suposto, con Manuel María e Saleta, naquela casa da Praza de España número 19 de Monforte de Lemos, onde a creatividade podía alcanzar todas as escalas e formas, os xoguetes podían ser máquinas de escribir ou magnetófonos e todo o mundo podía reclamar para si a condición de neno”.

Participantes na gravación

Alfonso Rodríguez López: Presenta, dirixe e interpreta o Xuíz, o Recadador, o Crego e mais manexa os monicreques. Lutgarda González González: Voces de Folla de Carballo e  Espírito do Monte. Nati Rodríguez López:  Espiña de Toxo. Carlos Rodríguez Otero: Voces do Garda e Alcalde

Con todos estes materiais –que xuntamos ao vídeo da representación da obra –, facemos unha homenaxe á que chegou a ser unha das creacións máis difundidas de Manuel María e que tanto agradeceron os docentes e os rapaces daqueles anos en que a escaseza de recursos en galego era a tónica dominante.

O texto mecanografado, o caderno da Escola Dramática e mais a gravación sonora publícanse grazas á dixitalización realizada pola Fundación Barrié.

Agradecemos tamén á Casa-Museo Manuel María o permiso para difundir a primeira edición da Berenguela.

[Preme nas imaxes para ver, descargar ou reproducir]

 

ImaxeMecanoscritoBrenguela

Texto mecanografado orixinal (1975). PDF (7,7 Mb)

Gravación da estrea (1976).
SoundCloud (22 min)

imaxeBerenguelaCadernosEscolaDramatica-1

O texto aparecerá impreso por primeira vez nos Cadernos da Escola Dramática Galega (1979).
PDF (1,9 Mb)

Capa de Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Brenguela

Aparece como libro por primeira vez nunha edición de Xistral para a AS-PG con ilustracións e deseño de Pepe Barro (1981). © Fundación Manuel María. PDF (6 Mb)

 

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir

Axúdasnos a mellorar? Pechar

A túa opinión impórtanos. Queremos saber como usas o Portal das Palabras, que che gusta máis e se botas algo en falta.

Enredarache moi pouco tempo!

Cubre a enquisa aquí