Irmandade é a Palabra do Ano 2016

Fotomontaxe con nenos e nenas do IES do Carballiño e fotografía histórica membros das Irmandades no Día da Patria de 1930 en Vigo.

A escolla da Palabra do Ano ten dúas fases: na primeira, a de proposicións, recolléronse 200 termos significativamente diferentes. Na segunda, na de votacións, participaron máis de 2.000 persoas, 623 das cales votaron por irmandade como Palabra do Ano 2016, facéndoa gañadora.

En segunda posición, con 481 votos, o curioso neoloxismo porcoril, que triunfou nos medios de comunicación para nomear o híbrido de porco vietnamita e xabaril. O terceiro posto –372– foi para a palabra alburgada, termo tradicional que rexurdiu no uso, ao funcionar como algo semellante á voz posverdade. Os restantes votos, repartíronse entre as outras tres finalistas: eleccións, populismo e xenofobia.

Xa podes ler o Mira-que-din especial dedicado á palabra irmandade e proximamente publicaremos novos traballos sobre outros termos finalistas.

 

2016, o ano das Irmandades

As Irmandades da Fala –fundadas en 1916– poden considerarse o máis grande proxecto colectivo da nosa historia, ata hoxe. Neste ano do seu centenario, sucedéronse os actos conmemorativos, as exposicións, mesas de debate e traballos, onde se foi debullando a súa actividade, que partindo da reivindicación do idioma mais a cultura, abrangue asemade os ámbitos social e político. As súas conquistas foron decisivas para o país desde o punto de vista histórico, e así mesmo, tanto o enfoque das súas reivindicacións coma tamén o sentido colectivo do seu proxecto, a irmandade, seguen a ser necesarios e vixentes no contexto actual.

Mira-que-din sobre irmandade, Palabra do Ano 2016

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir