Donicela é a denominación popular correspondente ao animal que a ciencia designa como mustela nivela, un “pequeno mamífero carniceiro, de patas curtas, corpo alongado e pelame pardo no lombo e branco no peito e no ventre, que se alimenta de ratos, toupas etc.”. Esta pequena fera é unha das que máis nomes vulgares se lle coñecen: doniña, garridiña ou saltaparedes…, inda que a maioría non son descendentes do termo latino co que se denominaba a doniña que era mustela. A razón desta diversidade é froito da superstición e das crenzas que se lle atribúen ao bicho, xa que se cría que tiña a capacidade de atraer as desgrazas. Daquela as persoas procuraban afastar os males adulando o animal nas súas denominacións, asignándolle nomes que denotan condicións positivas e tamén botando man da sufixación diminutiva con valor apreciativo.
Así xorde a designación garridiña, que se forma co sufixo diminutivo, cunha importante carga afectiva, máis o adxectivo garrido, “ben proporcionado, de boa presenza, agradable tanto pola aparencia física coma no trato”. Tamén se pretende certo grao de captatio benevolentiae coa denominación donicela, tomada desde o termo latino vulgar *domnicella, formada a partir da palabra clásica domina ‘señora’ á que se lle engade o sufixo diminutivo -ella. É como dicirlle: bonitiña, pórtate ben e non me traias o mal.
Outro xeito de constatar a inmerecida mala sona do animal témolo na fraseoloxía creada ao redor do veleno que se lle atribuía: Se che pica unha doniña, vas dereito para a caixiña; e se che pica un escorpión, vas para o caixón ou Fonte bebiades de boa gana, se non fora a donicela. Esta reputación vénlle porque é moi fera e aguerrida e non é doada de vencer. É quen de atacar unha presa ben máis grande ca ela. Se é sorprendida non escapa, érguese nas patas de atrás e enfróntase, mais se se ve acurralada, mesmo se tira ao posible inimigo para mordelo e segrega unha substancia que cheira a podre e que se cría velenosa. De aí o pavor popular que se lle tiña. Porén, é unha cazadora moi efectiva de roedores e daquela unha boa aliada en calquera leira, o que explica o dito: Pásalle coma ao rato cando lle vai a donicela enriba. Mais indo máis alá do significado literal, indica o medo que se lle ten a alguén que che pode prexudicar.
O nome de saltaparedes está motivado por outras razóns. Refírese aos trazos físicos do propio animal ou as habilidades atléticas deste, xa que é quen de coarse no galiñeiro polo burato máis pequeno e matar a súa presa sen que a vexas. Referencia á súa destreza para gabear e correr fai a frase áxil coma unha donicela, que se lle aplica a unha persoa que se amaña ben para escapulirse. E tamén irse como donicela para ponderar a rapidez de alguén.