A familia na fraseoloxía

Non podemos negar que un pebideiro da fraseoloxía galega é a familia, “conxunto de persoas unidas por lazos directos de parentesco, especialmente o constituído polo pai, a nai e os fillos”. As relacións entre uns e outros, e as consecuencias destas, fixeron que o xenio lingüístico fose moi frutífero. Daquela ben lle podemos dar unha voltiña (pequena) a algunha das unidades que xorden grazas ao acordos e desacordos coa parentela.

A familia é un núcleo que se leva ben ou mal (algunha vez nin se leva) pero, un consello, cómpre que os de fóra se absteñan de ir gobernar en casa allea. Xa o advirte o refrán: entre parentes non metas os dentes ou entre pais e fillos non metas os fociños. Aínda que haxa desavinzas, cando un membro da familia é agraviado esta volve por el!

O mandado habitual é quen aos seus non agarima, a ninguén agarimo pida. Daquela, ao parente, axudalo xa que, en principio, os teus serán os que te protexan e defendan ante as dificultades. Porén, ás veces as cousas non saen ben e a túa liñaxe non actúa como agardabas. Nese caso o refraneiro sentencia: non hai mellor parente que o bo amigo presente e ata chega a dicir: parentes e trastos vellos, mellor é non telos.

Aínda así non che hai mellor cariño que o que xorde no seo familiar. Iso xustifica que non se sexa moi obxectivo cos teus descendentes, e de aí que se diga ao escaravello, os seus fillos parécenlle ouro fino. Este dito relaciónase con outro, o que a feo quere, fermoso lle parece. Disque o parecido físico aos da familia era unha das probas imprescindibles de pertenza á mesma ata as análises xenéticas actuais, e por iso de pais gatos, fillos michiños; ou tamén os cachos semellan ás olas.

O coidado familiar é fundamental, de aí que tamén teñamos fraseoloxía abonda para referírmonos a este asunto: boa rocada fía a que o seu fillo cría e tamén fillo es, pai serás; como fixeres, así o terá. Inda que nalgunhas ocasións tórcese o conto e daquela dise de pai santo, fillo diaño ou unha nai coida cen fillos, cen fillos non coidan unha nai. E todo se resume en fillos criados, traballos dobrados.

Non podemos esquecer que estando nunha casa cuñada, sogra e xenro, falta só o demo para estar onda o inferno. A xustificación desta sentenza reside en que a familia política non sae ben parada no refraneiro galego. Semella que os parentes das parellas non son moi acolledores! Na casa da sogra non vive ben a nora porque o entendemento entre as dúas rarea. E tamén escoitamos dígocho, filla; enténdemo, nora ou a sogra aínda que durma no monte non a comen os lobos. Pero peor parado sae aínda o pai político nestoutro dito: O sogro e o porco só son bos despois de mortos.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir