Mañanciña de San Xoán – anda a auga namorada
e estando Nosa Señora – collendo na flor da auga,
desta maneira dicía, – desta maneira falaba:
— Cal será, cal, a doncela – que veña hoxe a catala?
Cantiga popular recollida por Marcial Valladares (Ortografía actualizada)
Inda que xa na tradición popular aparezan mesturadas, hai razóns para pensar que a flor da auga de san Xoán, non fai referencia á primeira acepción do Dicionario de flor: “parte da planta formada por follas de vivas cores, xeralmente de cheiro agradable, onde están os órganos reprodutores’ senón á terceira acepción: “substancia que se forma na superficie de certos líquidos producida pola transformación destes” e tamén á cuarta acepción: “o mellor, a parte máis apreciada dunha cousa ou dun conxunto”.
Esta suposición vén referendada polos testemuños atopados en todo o norte da Península Ibérica, como son os cantos éuscaros Uraren gaina (Nata da auga) e ur gaiena (auga do alto) ou da Rioxa espuma de San Juan e en Estremadura cogollo del agua.
A palabra flor, que provén do étimo latino flos, xa tiña daquela o sentido de “parte superior ou a mellor de algo”, acepción que aparece de novo na nosa lingua nas expresións á flor de pel ou na flor da cabalaría. Tamén é posible atopar algo semellante nos termos ingleses: flower e flour, que non deixan de ser versións do mesmo vocábulo latino para nomear respectivamente as flores e a fariña, convenientemente separada do farelo.
A flor da auga, con propiedades para dotar de beleza as mozas e facelas irresistibles, ten que se procurar apenas a alba deite a súa luz sobre a superficie dos mananciais.
“Pero a auga ten tona?”, preguntará algún escéptico. Sabemos que soará pouco científico pero, se non é así, por onde patinan logo as cabras cegas?