Praias: A Lanzada

Oito praias para o verán de 2017

De praia en praia o verán todo! Isto é vida! Mais… de non poderes, propómosche oito areais que son perfectos para estes días de calor.

De norte a sur e da Guarda ao Cantábrico, buscamos as máis fermosas, as que teñen lendas curiosas e historias de interese. Todas xemas mariñas escollidas entre as que máis nos chamaron a atención e que ademais teñen nomes que paga a pena saber de onde veñen. Quedáronnos fóra moitas e moi boas, mais se che gustaron estas, quizais outro ano poidamos facer unha nova rolda. Agardamos que si!

As praias:

Traba | Louro | Doniños | A Lanzada | O Rostro | Pantín | Rodas | As Catedrais

A praia da Lanzada

2.300 m. de praia aberta ao océano

Area fina

Bandeira azul

Máis información

Sitúase na parte occidental do istmo que mantén unido O Grove á terra firme. Son 2.300 metros que se abren ao océano entre Punta Faxilda e San Vicente.

Os ritos espirituais e o nome da praia

Segundo Fernando Cabeza Quiles, a orixe do topónimo estaría en relación cun ritual practicado no lugar, a expulsión do meigallo, e coa acepción do verbo lanzar como ‘vomitar’. Lanzar procede do latín lanceare, formado sobre lancea, ‘lanza’ e pasou de referirse ao manexo da lanza a ‘impulsar con forza’ aplicado a calquera obxecto, chegando a utilizarse para expulsar o contido do estómago.

Para o autor mencionado, no lugar debeu haber unha pedra sobre a que se realizaría o rito de lanzar o meigallo, que se coñecería como Pedra da Lanzada, semellante a outra denominada do mesmo xeito e localizada en Caldas de Reis, sobre a que se recolleron detalles do ritual. Daquela, da Pedra da Lanzada de época antiga chegaríase posteriormente á Lanzada.

Achados arqueolóxicos que sorprenden

Do castro da Lanzada xa dera noticias Sarmiento, pero non foi ata mediados do século XX cando se levaron a cabo as primeiras escavacións, dirixidas por Filgueira Valverde. Malia presentar bo estado de conservación, non poderemos apreciar a súa magnitude xa que sobre terreos que eran das edificacións castrexas se levantaron construcións como a ermida ou, máis recentemente, vivendas. Tamén se aproveitou a pedra para outros usos e obras. Isto non lle resta interese a un asentamento que se considera orixinario do VIII a.C. e que debeu estar ocupado ata doce séculos despois.

As escavacións máis recentes no lugar sorprenderon os arqueólogos. Saíron á luz restos humanos, datados inicialmente entre os séculos I e V, a maioría deles correspondentes a nenos de curta idade. Recolléronse obxectos que se poderían remontar ata o século VIII a.C., que evidencian a existencia en época prerromana de intercambios comerciais co Mediterráneo. En canto a construcións, a máis antiga correspóndese co século II a.C. e localizouse a primeira factoría de salgadura da zona noroeste anterior á romanización.

Ritos precristiáns e unha fortaleza que se fixo capela

A capela románica data do século XII, edificada sobre outra anterior, que podía pertencer a unha fortaleza levantada no lugar por orde do bispo Sisnando, aló polo século X, como parte da rede de defensa das terras de Santiago das incursións normandas ou árabes. Resultou afectada polas revoltas irmandiñas e hoxe quedan como testemuña restos da torre.

Pode que no lugar onde se levantou a ermida se celebrasen con anterioridade ritos precristiáns, que terían que ver cos que aínda hoxe se manteñen. Á festa acoden mariñeiros pedindo protección ante os riscos do seu labor, para o que apoian a pregaria con exvotos de barcos que colgan no teito e tamén varren o chan diante do altar. Con todo, o máis coñecido son os ritos de fecundidade asociados a este lugar, segundo os cales, as mulleres que desexan ter descendencia, deben someterse ao baño das nove ondas, que debe realizarse co sol posto e con lúa chea ou crecente. Á parte dos días próximos á romaría, tamén parece propicia a noite de san Xoán.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir

Axúdasnos a mellorar? Pechar

A túa opinión impórtanos. Queremos saber como usas o Portal das Palabras, que che gusta máis e se botas algo en falta.

Enredarache moi pouco tempo!

Cubre a enquisa aquí