Antes de que houbese satélites e puidésemos consultar as previsións meteorolóxicas nas aplicacións do teléfono móbil, os nosos devanceiros tamén se interesaban por saber con que tempo amañecerían á maña seguinte. Coñecer a información meteorolóxica resultaba primordial, cumpría pescudar como se levantaría o día para ir ao mar ou para plantar na terra. As xentes mariñeiras e as do agro tiñan sona de seren as que mellores predicións daban. O seu saber era empírico, baseado na experiencia, na observación do ceo, coñecían as nubes, os ventos e seguían as fases lunares. Hai sementeiras que só se facían segundo os ditames da lúa. Estes coñecementos adquiridos vense reflectidos na lingua nunha serie de expresións e frases feitas que pasaron de xeración en xeración e que forman parte do refraneiro tradicional.
Daquela non son poucos os refráns que nos prognostican o tempo atmosférico do que imos gozar ao longo do ano. Nestes as indicacións cronolóxicas por veces non coinciden co nome dos meses ou cos días da semana porque a sociedade tradicional galega, fortemente influída pola relixión e as súas celebracións, nomea algunhas xornadas do calendario co nome do santo do día. En sabendo isto, imos facer un breve percorrido polo refraneiro invernal galego referido á neve.
Así, coma se das témporas se tratase, atopamos un par de refráns que nos anuncian como debería vir a primeira parte do ano para non termos sorpresas:
Xeada de xaneiro, neve de febreiro, trebón de marzal, chuvia de abril e xistra de maio, ano cabal che traio.
Xaneiro xeadeiro, febreiro escarabanadeiro, marzo amoroso, abril chuvioso, maio ventoso, San Xoán caloroso, o que fai o ano fermoso.
Deducimos que o que nos corresponde nestas alturas de ano é o frío, as xeadas e a neve, xa que o mes de xaneiro se cualifica de xeadeiro e o de febreiro de escarabanadeiro (formado sobre escarabanar que, en zonas do leste galego, se lle dá o significado de nevariscar). Das posibles nevadas dan noticia paremias como:
No mes dos Santos, a neve polos campos.
Por Todos os Santos, neve nos altos; polo Santo Andrés, neve nos pés.
A primeiros do mes de novembro, cando se celebra o día de Todos os Santos, non nos debería sorprender ver caer as primeiras folerpas nos eidos; mais cara ao final do mes que coincide coa festividade de Santo Andrés (30 de novembro) as nevaradas son máis intensas e xa poden callar no chan. Outra das santas mencionadas polo refraneiro como anunciadora da aparición de folerpadas é Santa Catalina que se celebra ao final do mes de novembro, en concreto, o 25 de novembro.
Santa Catalina trae a neve na cestiña.
Santa Catalina, neve na cortiña.
De todos os xeitos, se non nevou en novembro, di a sabedoría popular que no mes de decembro é probable ver farrapear. Unha vez máis recórrese ao santoral para sinalar cando atoparemos o chan branco; para as persoas distraídas lembramos que San Nicolás é o 6 de decembro e Santa Lucía, o 13 de decembro.
Se para Santa Lucía non hai neve na pía, haina para o outro día.
Pola Santa Lucía, neve na pía; polo san Nicolau, neve no pau.
Comezamos o ano e os refráns seguen a botar man de advocacións católicas para dicirnos que, ao mellor, vemos mantelear. E se nos guiamos polo refraneiro tanto en xaneiro como en febreiro as nevaradas deben ser un fenómeno normal.
San Amaro é amigo da neve (15 de xaneiro).
Polo San Brais, a neve verás (3 de febreiro).
Ben, se xa nos sobra o frío e a neve, tranquilízanos saber que a partir de febreiro o que nos agarda será unha cousa lixeira, unhas falopas que pouco duran e axiña se derreten:
Neve febreiriña, tarde vén e logo camiña.
Neve marzá vén á noite e marcha á mañá.
Despois de tanto anuncio de nevarío podemos dicir que chegado o mes de abril remata todo porque como expresa o refrán:
Entre marzo e abril sae o cuco do cubil, pois coa neve non quer vir.
E ata daquela poñémosnos ao abrigo da lareira a comer nas filloas, que tamén estamos no tempo.