
O feito de que as augas de marzo estean agora mesmo fechando o verán alá no hemisferio sur, como suxire a canción de Tom Jobim, permítenos observar que, nin en todas as partes, nin en todos os tempos, estas divisións meteorolóxicas e astronómicas coñecidas como estacións, “cada unha das catro partes en que se divide o ano”, foron as mesmas que son hoxe en día e dende logo non levaron sempre o mesmo nome.
Se lle botamos unha ollada ao pasado dalgunha destas nomenclaturas podemos reparar no curioso devir da designación da primavera. A palabra procede da locución latina primo vere, despois de cambiar de xénero e converterse en prima vera, onde significaba literalmente ‘comezo (prima) da primavera (vera), porque en latín a estación que estreamos nestes días era nomeada simplemente como ver, veris como testemuña o adaxio unha andoriña non fai verán.
Para os romanos o termo correspondente á época máis quente do ano é aestas, aestatis, xa que se relaciona cunha hipotética raíz previa ao indoeuropeo *aid- que significaba ‘arder’. Consecuencia disto é o que atopamos no francés: été, no catalán: estiu e tamén no italiano: estate. Porén, daquel ver, veris (a primavera latina) encontramos a orixe da palabra galega verán. O termo definido como a “estación máis calorosa do ano, que segue á primavera e precede ao outono e que, no hemisferio norte, vai desde o vinte e un ou vinte e dous de xuño ata o vinte e dous ou vinte e tres de setembro” é a denominación común, por un cambio de significado explicable pola afinidade das dúas estacións, pois ambas se relacionan co bo tempo, que se dá nalgunhas das linguas da Península Ibérica: o galego, o portugués e o castelán para o que en latín se denomina aestas, aestatis. En galego e castelán encontramos, tamén, a palabra estío, pero no rexistro formal, como sinónimos de verán.
Como explica o académico Francisco Fernández Rei no vídeo sobre o nome das estacións, a singularidade destas estacións de transición depende moito da propia climatoloxía facéndose moito máis distintiva cara ao interior do país, onde estaba espallada a fermosa contradición ‘primavera de outono’.
Volvendo a Tom Jobim o que non cambia, esperemos, é a promesa de vida no coração que, xunto coas alerxias, caracteriza estes meses.