Concellos de Galicia (con tres letras)
Chega o verán e o Portal das Palabras volve saír de viaxe por Galicia. En edicións anteriores xa fixemos os obrigados percorridos polo mar e pola montaña, así que desta volta propoñémosvos unha ruta diferente. Faremos parada en lugares cunha curiosidade en común: todos eles son concellos con nomes de só tres letras. Pode soar a excentricidade.. e madía leva se o é! Pero que mellor época para deixarse levar pola sonoridade dalgúns dos topónimos máis breves de noso Nomenclátor! A viaxe pagará a pena, e non só en termos lingüísticos!
Concellos:
Esta semana rematamos a nosa viaxe estival polos concellos con nomes de tres letras cunha parada obrigada en Ourense, na zona máis oriental da provincia. A escolla ten algo de trampullada, sabémolo, porque o municipio que nos ocupa desta volta é o da Rúa, sempre co artigo! O que non ten dúbida é a orixe deste topónimo. Adiviñádela, verdade? Efectivamente, procede da substantivo común rúa, que á súa vez remóntase ao latín clásico ruga, ‘engurra’ que dá termos como engurra, o verbo engurrar e cultismos como rugoso, -a ou rugosidade. E como se explica isto? Pois porque o termo no latín vulgar ampliou o seu significado a [via] ruga, ‘camiño entre casas’. Deste xeito, hoxe tamén temos en portugués rua, rrugë en albanés ou ruioù en bretón e tamén en francés rue.
É notable a variedade de termos que atopamos nas linguas románicas para designar este concepto, partindo todas do latín. En éuscaro dinlle kalea e en castelán calle, o italiano usa strada e o romanés stradă. Con todo, moitas linguas sacan proveito de varias destas raíces etimolóxicas. Do mesmo xeito ca nós temos rúa e estrada para conceptos próximos, o italiano, por exemplo, utiliza calle para as rúas estreitas, particularmente as de Venecia, e o catalán call para os antigos barrios xudeus. E estes grupos de denominacións esténdense tamén por outras linguas non neolatinas: en inglés din street, en alemán Straße, en bretón straed e en irlandés sráid, todas formas parentes de estrada.
Volvamos á Rúa, antes dos romanos habitaban alí os Cigurros ou Gigurros, e así os romanos crearon o chamado Forum Gigurrorum, unha mansio de postas na Via XVIII do famoso Itinerario de Antonino do que xa vos falamos nesta ruta estival. O etnónimo deste pobo deu tamén nome a unha ponte inicialmente romana, a da Cigarrosa.
A xeografía do concello está marcada polas serras de Valdeorras e o río Sil. O contraste crea paisaxes impresionantes! E non son o seu único atractivo. Merecen tamén atención a devandita ponte da Cigarrosa que une Petín e A Rúa. De orixe romana atopábase no percorrido de Braga a Astorga foi derruída e reconstruída no século XVI. Preto atopouse un mosaico e unha lápida romanas outro indicativo da pegada dos de Roma no territorio, na que se pode apreciar unha irregularidade nos arcos tralas moitas reconstrucións. Tamén son interesantes a estela funeraria do Alto da Coroa, o miradoiro de Barranco Rubio, os seus viños da denominación de orixe Valdeorras, a pesca, a BacoFesta romana en agosto e a da empanada de costrelas (termo co que se identifica a costela de porco) en decembro.