O exemplo do que imos falar é o que antigamente en galego-portugués se dicía achar menos: composto do verbo achar, que procede do latín afflare, ‘respirar, soprar’, e mais a evolución menos do latín minus, que herdaría aquí a súa acepción de negación total: ‘(non) atopar nada’.
Saltando ao castelán
O contacto do galego-portugués co castelán faría que esta expresión chegase a Castela e comezase a espallarse no seu territorio, coa particularidade de que entendían o sentido da frase pero, ao non ter no seu léxico achar, non foron quen de relacionala con hallar, interpretando erroneamente que se correspondería co seu echar; por este motivo, crearon a locución echar menos xa no século XIII, como aparece documentado nos textos de Tareixa de Ávila en 1573, transformándose en echar de menos (con preposición) na maioría das variantes do español, contra o século XVIII.
Volvendo transformada
Pasado o tempo, o sentido da exportación inverteuse e a locución castelá entrou no galego, mais a equivalencia xa non era reversible… Achar era un verbo que perdera uso en favor de atopar, polo que a asociación era difícil ou imposible. Nesta ocasión, o proceso baseouse nun criterio semántico –tradución–, e o castelán echar de menos converteuse en botar de menos.
A partir de aquí, as expresións en galego diversifícanse cos distintos verbos e os seus sinónimos, réximes preposicionais e posibles variantes da raíz co significado de ‘ausencia’, falt- (falla, falta, faltar): atopar de falta, atopar en falta, botar en falla, botar en falta, encontrar a faltar, encontrar de falta, notar a falta de, notar en falta, sentir a falta de (máis usado para persoas), topar de falta ou topar en falta.
Noutros idiomas
A locución ten os seus paralelos noutras linguas, pois aparecen formas similares en aranés (trobà mens) e en catalán (trobar a faltar), expresión que influíu no castelán echar a faltar . A expresión orixinal literal perdeuse en galego, salvando o de Hermisende nas Portelas (achar a menos). En portugués, consérvase só en Tras os Montes (achar menos), na Beira Alta e o Alentejo (achar de menos). No resto das falas, foi substituída por sentir falta/saudade(s). En español, mantense en Colombia e Santo Domingo.