aguacate

A imaxe que acompaña este Allos-con-bugallos é dunha Persea americana, ou sexa, a árbore que dá os aguacates, eses froitos de cor verde escura que penduran das pólas e que certas mentes [claramente suxas] identifican cunha parte do corpo dos homes.

Pois si. Hai persoas [lembrade como teñen os miolos] que, cando miran os aguacates suspendidos, o primeiro que se lle vén á mente é a imaxe do “órgano propio do aparello reprodutor masculino, en que se producen os espermatozoides” [elegante, non?], é dicir, que lles parecen os testículos [uiiii… estamos comezando a esvarar…], isto é, os ovos [e aló fomos!]. E non o dicimos nós, pois xa o seu nome orixinal, awakatl, tiña en nahuatl –a lingua indíxena do centro de México, de onde procede o froito–, as dúas acepcións: valía tanto para chamarlle ao alimento coma ao órgano sexual, sen estar moi claro que foi o primeiro, a galiña ou os … [negámonos a repetilo].

Tan asumida tiñan os mexicanos a relación entre unha cousa e a outra que mesmo se lles atribuían aos aguacates propiedades afrodisíacas e os vinculaban cos deuses da fertilidade, algo excesivo para a puritana moral dos conquistadores hispánicos que deron en asomar por aló.

Eles espallaron o cultivo da froita xunto co nome desta, adaptándoa para que lles fose máis doado de pronunciar aquilo que lle escoitaban aos indíxenas. Foi nese proceso de adaptación, seguramente querendo desmarcarse de calquera alusión erótica, que deron en imaxinar para esta palabra unha etimoloxía romana, concretamente nun termo latino que tiña unha pronuncia semellante, advocatus  –de onde sae o noso avogado–  e que, por mor desta reviravolta pseudo etimolóxica, alumbrou no castelán antigo avocado; e malia que na lingua de Castela acabou por se impoñer a primeira forma, aguacate, nunha manchea de idiomas quedaron fixados nomes adaptados sobre a segunda, por exemplo no inglés, no italiano ou no alemán. En francés utilizan unha variante avocat e en catalán alvocat. En portugués, preferiuse unha solución mixta, abacate, e ademais os dicionarios tamén recollen a expresión pêra dos advogados.

En paralelo a isto, en diferentes países de América do sur estendeuse unha outra denominación, palta, que hoxe en día se emprega na Arxentina, Bolivia, Chile, Perú e mais Uruguai e que en orixe era o nome en quechua da rexión onde os incas levaron o aguacate desde México, para reiniciaren alí o seu cultivo.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir

Axúdasnos a mellorar? Pechar

A túa opinión impórtanos. Queremos saber como usas o Portal das Palabras, que che gusta máis e se botas algo en falta.

Enredarache moi pouco tempo!

Cubre a enquisa aquí