Alba de Groria

Dun xeito intuitivo a linguaxe sabía, antes da existencia do disco de Newton, que a suma de todas as cores, espellos da luz, daba como resultado o branco. Por iso, a palabra latina albus que significaba literalmente ‘branco’ pasou a denominar tamén a primeira luz do día, a alba. As voces derivadas desta son abundantes na nosa lingua: albariñas son certas uvas brancas, albar, de cor branco; albeiro, a pedra do muíño máis branca; albor, a primeira luz do día e a brancura ou albo, sinónimo de obxectivo, denominación que xorde polo pano branco co que se adestraba cando se buscaba o “obxectivo dun proxectil”.

A alba sempre ocupou un lugar destacado na festa. Esta comeza coa alborada -“composición con ritmo de marcha que se toca, principalmente, de mañá cedo e desfilando-, e desde o primeiro momento adoptou, ademais, o sentido de algo inaugural, de celebración, mais tamén transformador e esperanzador. Este é o sentido da “Alborada” de Rosalía de Castro, incluída nos Cantares Gallegos e tamén a Alba de Groria de Castelao.

En 1948, o de Rianxo pronunciou este discurso no Centro Galego de Bos Aires perante a comunidade galega transoceánica para celebrar o Día da Patria. Invocando un futuro de liberdade que, daquela, era imposible nomear abertamente en territorio peninsular. Setenta e seis anos despois continuamos cada 25 de xullo coa mente posta na alba de gloria. Hogano queremos celebrala cun pequeno voo sobre o primeiro rostro de Galicia, trazado por Domingo Fontán. En pleno século XIX, sen ningunha das tecnoloxías das que hoxe dispoñemos, o ilustrado conseguiu elaborar o primeiro mapa científico do país cunha meticulosidade e precisión que aínda hoxe abraia. Co orgullo dos referentes da nosa historia e cos ollos a mirar cara ao futuro, desexamos que os ventos do vindeiro día da patria vos sexan propicios!

 

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir