A montaña de Galicia : unha volta para 2024
Se no verán de 2023 percorremos as nosas praias, neste ano imos facer un percorrido pola outra face de Galicia.
Coñecida é a dualidade do noso país, con trazos diferenciais entre a montaña e o mar tan marcados que ás veces un pode cambiar de universo nunha breve camiñada. Inda que non pretendemos comezar unha nova xeira de competición xeográfica que xa estamos bastante servidos, este ano o noso cantar vai de montaña:
Anque che son da montaña,
anque che son montañesa,
Anque che son non me pesa.
Montes e serras:
O Cebreiro | O Pindo | O Xistral | A Capelada | O Courel | O Faro | O Xurés | Os Ancares | Pena Trevinca
O nome dos Ancares, que compartimos con León, probablemente teña a súa orixe nun topónimo prerromano que Moralejo Lasso asocia a Abeancos, Duancos, Tamallancos ou Trasancos.
Ancares é o nome dun río que discorre polo Bierzo.
A serra acolle unha das vivendas tradicionais de Galicia, a palloza ou pallaza, hoxe conservadas nunhas poucas aldeas como Piornedo ou Santa María do Cebreiro un dos portos de acceso naturais desta serra. Quíxose buscar neste tipo de vivenda elíptica un parentesco coas antigas vivendas dos castros inda que parece que os investigadores se decantan por unha orixe paralela. A palloza acollía baixo un mesmo teito todos os seres vivos da unidade familiar incluíndo os seus animais domésticos, facendo así unha economía redistributiva da calor da casa, ben prezado nas invernías dos Ancares.
Os Ancares, xunto co Courel e a serra do Eixo onde está Trevinca forman o conxunto de Serras orientais de Galicia. O predominio da lousa xunto coas maiores alturas do noso país, fan delas un lugar característico na construción de vivenda popular.
Tamén son estas serras o hábitat de animais que hoxe poderían parecernos alleos ao resto do país como o oso, pero que en tempos tiveron que existir, por exemplo, en Oseira, como delata o seu nome latino Ursaria.
É este animal, particularmente lambeteiro, o principal motivo da construción dunhas curiosas elipses de cachotes chamadas abellarizas e feitas para protexer as colmeas.
Pero o animal que ocupaba o lugar de símbolo da serra era a pita do monte, onte símbolo dos Ancares hoxe pode selo da falta de sensibilidade pola natureza e do cambio climático.