Aniversario da Galipedia

A Wikipedia é ben coñecida polos internautas de todo o mundo. Xa sexa para informarse, para orientarse nun traballo académico, para aprender cousas novas, para atopar recursos ou simple lectura como pasatempo, os seus artigos son o quinto recurso máis visitado en internet (tras Google, YouTube, FaceBook e a chinesa Baidu). De feito, o primeiro dálle case sempre ligazóns á enciclopedia por omisión, que recibe a metade do seu tráfico deste buscador.

As características dos seus contidos son: colaborativo, de libre edición e uso, gratuíto e plurilingüe. De feito, o oito de marzo de 2003 foi cando se creou a versión en galego da Wikipedia e catro días despois publicouse o primeiro artigo ou entrada da enciclopedia. Co tempo chegaron usuarios, aínda que non é imprescindible para editar, e fóiselle chamando Galipedia. Pero non só de textos enciclopédicos (xunto a contidos multimedia) vive o home wikipédico: hai outros proxectos como dicionarios, textos referenciados ou creados, citas, noticias, guías de viaxes e o proxecto máis recente, de xornalismo (WikiTribune). Por todo isto déronlle o premio Erasmus de 2015, o Princesa de Asturias de Cooperación en 2015 e, a nivel galego, o G de platino da Facultade de Ciencias Sociais de Pontevedra en 2006 e en 2018 o Premio Xoán Manuel Pintos do Concello de Pontevedra, coincidindo co aniversario dos quince anos da versión galega. Isto non impediu as críticas en temas como fiabilidade, anonimato, vandalizacións, dereitos de autor ou as confrontacións entre editores.

O nome wikipedia en si é unha amálgama: unha combinación onde se toman dúas partes de senllas palabras para crear un neoloxismo. Orixínase da terminación de enciclopedia iniciada polo termo orixinal da reduplicación wikiwiki, palabra de orixe hawaiana que significa ‘rapidamente’, do verbo wiki, ‘acelerar’. Á parte dos topónimos (Molokai, Mauna Kea, Maui ou Honolulu), outras palabras desa lingua polinesia poden resultar familiares aos galegos como: aloha (‘ola’), hula (de hula hop), ukulele (‘tipo de guitarra’), terminoloxía do surf como kahuna (‘xefe’), da pesca como o peixe humuhumunukunukuapuaa ou os nomes propios Haumea (dun planeta) e Keanu (o de Keanu Reeves).

Por outra banda, parece haber certa tendencia a utilizar linguas exóticas para crear nomes propios no ámbito da informática. Un exemplo é Ubuntu, denominación dunha distribución de Linux, unha palabra de orixe surafricana (xhosa ou zulu) cun significado semellante a ‘humanidade’, ‘eu son porque nós somos’, ‘solidariedade cara aos outros’, ou ‘crenza en vencellos universais que conectan todas as persoas’. Outras palabras da mesma orixe que nos poden soar son impala (un antílope) ou vuvuzela (un instrumento musical).

Outra ferramenta informática tamén procedente de África é TshwaneLex. Pode que pase desapercibida, pero é a plataforma sobre a que se basea a organización e presentación do Dicionario da Academia. O seu nome procede da cidade de Tshwane, a capital lexislativa de Suráfrica (Bloemfontein é a xudicial e Capetón a executiva). Hai varias teoría para o seu significado, pero todas o orixinan na lingua tswana. Aínda que na escrita aparece un <h> e isto non marca grandes diferenzas na pronuncia, o nome da cidade non ten relación co da lingua (que si é a orixe de Botswana).

Despedímonos cun pouco de suahili e un desexo que xa pertence á cultura popular de todo o planeta: hakuna matata, que significa non hai problema, pero que emprega co sentido vida longa!

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir