A palabra do ano ao redor do mundo

A Palabra do Ano 2018 é deseucaliptización xa o sabedes. Mais hai outros moitos países e culturas que escollen a súa propia. Con ela pretenden dar conta dos eventos que dalgún xeito representan o interese informativo nos últimos doce meses nesa sociedade. Imos, entón, pegarlle un repaso a outras Palabras do Ano arredor do mundo.

Estados Unidos: Cunha preocupación común

Merriam-Webster –a histórica compañía lexicográfica estadounidense– escolleu justice ‘xustiza’ como a palabra de 2018. Argumentan que foi unha das máis buscadas no seu dicionario, tendo un 74% máis de procura respecto ao ano anterior. Indica que a sociedade tiña presente o termo en moitos dos seus debates: a xustiza racial, social, criminal e mesmo económica. Sen obviar os distintos procesos xudiciais que fixeron reflexionar ao redor da separación dos poderes lexislativo e xudicial.

Pola súa parte, para a American Dialect Society, na súa vixésimo novena edición da votación anual da palabra do ano elixiu a expresión tender-age shelter (e tamén os equivalentes: tender-age facility ou tender-age camp) ‘centros de detención para migrantes menores non acompañados’ debe ser a frase ou a palabra de 2018. Na acta da reunión indica que a fraseoloxía eufemística empregada pola administración non foi quen de ocultar a realidade que se produciu no verán de 2018 cando os menores que entraban pola fronteira sur eran separados das súas familias coa dor que iso ocasionaba.

A terceira entidade que escolle palabra do ano en USA, Dictionary.com, propón misinformation, ‘información falsa que se propaga, independentemente se hai intención de enganar’. A elección apóiase na necesidade que tiveron os lexicógrafos da empresa en diferenciar entre a misinformation que son as novas erradas que se difunden pero sen saber que son equivocacións, da disinformation que é o esparexemento de noticias falsas coa intención de enganar e conseguir rédito. Inda que o termo non é neoloxismo, data de 1500, as redes sociais e o seu funcionamento contribuíron recuperar vixencia.

Gran Bretaña: De certa maneira podemos atopar unha preocupación semellante

A escolla do dicionario Oxford como Palabra do Ano 2018 é toxic, ‘tóxico’, adxectivo que incrementou nun 45% as súas buscas na páxina web. O uso do adxectivo relacionado directamente co concepto de ‘veleno’ nos envelenamentos intencionados un ex-axente ruso, mais tamén coa contaminación do medio e as consecuencias sobre o ser humano. Porén, tamén é significativo o seu uso para referirse as relacións laborais onde as condicións de esixencia son desproporcionadas, ou tamén as relacións afectivas entre familiares, amigos ou parellas.

Porén, para o dicionario Collins, o termo máis representativo do ano é single-use, que é o vocábulo que se emprega para definir todas aquelas cousas que se empregan unha vez. Está relacionado con obxectos de plástico que contribúen á contaminación e que se está a facer campaña para deixar de empregalos.

No caso do dicionario de Cambridge, a palabra escolleita foi nomophobia, ‘nomofobia’, que definen como ‘medo irracional a saír da casa sen móbil’, indicando que se trata dunha voz que de recente creación pero que reflicte unha realidade que se dá ao redor do mundo en determinados usuarios do teléfono móbil. Outras finalistas foron gender gap e ecocide que amosan a preocupación social dos usuarios da obra lexicográfica.

Australia: do local ao mundial

Para a Australian National Dictionary Centre’s a Palabra do Ano é Canberra bubble, é unha denominación popularizada polo primeiro ministro de Australia que indica ‘o ambiente isolado da política’, á vez, fai referencia a que ese illamento e convivencia fomenta os chismes entre os políticos, os burócratas e os xornalistas en Camberra afastándose da realidade que interesa á cidadanía.

Outra obra lexicográfica australiana, o Macquarie dictionary escolleu como palabra do ano 2018 Me too! A escolla feita por un comité de expertos indica que o cancelo #MeToo que xorde en 2017 ao longo do 18 foi adquirindo personalidade lingüística xa que se usa, no inglés, como verbo e como adxectivo, sen dúbida, froito do discurso social que o sustenta. Ademais concedéronlle unha mención especial aos termos: BDE abreviatura de big dick energy, pola súa popularidade meteórica, ademais da versatilidade xa que se pode aplicar ás mulleres e aos homes; malia que literalmente fai referencia ao tamaño do pene, a esencia da frase emprégase para indicar ese “aquel” (enerxía) que ten a persoa que a fai especial sen necesidade de ser moi explícito. Por outra banda, sinalaron deepfake técnica da intelixencia artificial que permite a creación de vídeos manipulados onde se emprega a voz ou a imaxe dunha persoa coñecida para difamala. E por último, dada a preocupación ambiental pola aniquilación da Gran barreira de coral, indican single-use xa que en Australia se está a intentar diminuír o uso desta modalidade de obxectos para reducir os contaminantes plásticos.

Xapón: o deporte gañou a partida

En Xapón, segundo un comité técnico da editorial Jiyū Kokumin Sha, a Palabra do Ano é So da nē!, expresión de alento empregada polas xogadoras de curling para se animar durante os xogos olímpicos de inverno de Pyeongchang. De segunda quedou un vocábulo relacionado, en certa maneira, co deporte xa que E supōtsu -‘deporte electrónico’- son as competicións de videoxogos que están acadando gran popularidade no país nipón.

Polonia: o triunfo da decisión popular

Desde o Instituto da lingua polaca (Instytut Języka Polskiego ) da Universidade de Varsovia e a Fundación da lingua polaca (Fundacji Języka Polskiego) organízase e promóvese a convocatoria da palabra do ano 2018. As entidades, ao longo do ano, fan un seguimento das palabras máis usadas no día, na semana e no mes na prensa polaca. En decembro fan unha relación de posibles palabras do ano que se somete á votación dos cibernautas, mentres que os especialistas fan unha elección propia. A sorpresa xorde cando a palabra elixida foi constitución (konstytucja), que non estaba preseleccionada, mais os internautas propuxérona e acadou a maioría dos votos (69%). Este feito provocou que o comité aceptase e asumise a proposta popular como propia, debido a que desde 2016 por mor dos acontecementos e situación política fixo que estivese presente no discurso público a modo de  slogan en calquera manifestación ou protesta.

Por outra banda, na terceira edición da versión para a mocidade da palabra do ano organizada polos Editores Científicos Polacos PWN (Wydawnictwo Naukowe PWN) a palabra máis votada foi dzban. Estamos ante un termo que poderiamos traducir por ‘xerra’ ou ‘vasilla’, pero que adquire entre a xente nova un novo significado e de aí a súa popularidade. Na xerga xuvenil aplícase de xeito negativo e con certa hilaridade á ‘persoa distraída, que está nas verzas e froito diso ten un comportamento despistado e, á vez, atolado’.

Alemaña: caloriña a destempo

Os especialistas da “Sociedade para a Lingua Alemá” -“Gesellschaft für deutsche Sprache” (GfdS) deron como a Palabra do Ano 2018: Heißzeit (período cálido), termo que reflicte unha preocupación que non é exclusiva dos teutóns, xa que fai referencia ao quecemento da temperaturas que fixeron que o verán alemán se prolongase, case, desde abril a novembro. Feito que non se considera unha anécdota senón un indicativo do cambio climático e que relacionan co termo antagónico: Eiszeit (período do xeo).

Italia: unha manciña molesta

En Roma, o xornal Republica fixo a finais de decembro de 2018 unha sondaxe (mirar na web Rep.it) propoñendo abano de dezaseis termos variados aos lectores e lectoras: brexit, tallonato da reddito di cittadanza, migranti, sovranismo, trap… pero a gañadora cun 16% da porcentaxe de voto foi: manina, ‘manciña’, que é a designación que se lle dá a unha palabra do común para describir o feito de que furtivamente se introduza unha alteración significativa e non acordada nun texto público. O termo garda relación con ‘manipulación’ ou, de xeito coloquial, co ‘meter a man’ para enganar.

Suíza: a neutralidade que entra en conflito

Segundo o departamento de Lingüística da Universidade de Ciencias Aplicadas de Zürich (Zürcher Fachhochschule), a palabra en francés que mellor define o 2018 foi charge mentale, ‘sobrecarga mental’ referido a que un do motivos de estrés na sociedade actual porque supón estar organizando mentalmente distintas facetas da vida cotiá (traballo, lecer, fogar…) ata chegar á fatiga. Para o alemán o termo escolleito foi Doppeladler, ‘aguia bicéfala’, que coincide coa elección dos falantes de italiano gesto dell’aquila. A elección garda relación cunha controversia xurdida no verán –durante a Copa do Mundo de fútbol de Rusia- porque os xogadores da selección de Suíza, de orixe kosovar, fixeron o xesto da aguia ao vencer aos da selección de Serbia. Porén o ademán considerouse un agravio ao equipo rival (rememorando o conflito militar) e non unha mostra simple de entusiasmo.

Os Países Baixos: tradición cuestionada

Segundo o dicionario Van Dale, a palabra que define o 2018 é o termo blokkeerfries que foi avalado co 55’4% do total de votos recibidos, e co se describe os contra-manifestantes que pretenden bloquear aos que se declaran en contra dunha das súas tradicións: o sinterklaass (o criado negro de San Nicolás) por consideralo como un costume racista.

Francia: termos que amosan a actualidade

Para o xurado de especialistas da web Le mot de l’année en Francia, a palabra é femmes, de par da votada polos cibernautas que foi Métissage. O primeiro evidencia a importancia que o xurado outorgou ao movemento feminino na defensa do dereito á igualdade. Por outra banda, a mestizaxe é o que define ao mundo actual a mestura de culturas.

Rusia: coincidencia ou consciencia?

Os rusos coinciden, de certa maneira, co dicionario Oxford xa que o Consello de Expertos do Centro para o Desenvolvemento Creativo da Lingua Rusa elixiu Новичок ou “novichok” (literalmente: ‘principiante’) que é a denominación en ruso dunha substancia neuro-tóxica creada polos militares como arma química e que o goberno británico asegurou que se empregara no asasinato dun ex-axente ruso residente en Londres; seguida Токсичный ‘tóxico’ e Пенсия, пенсионер ‘pensión’ e ‘pensionista’.

Na Península: os puntos de vista diverxen

A Fundación del Español Urgente, Fundéu, é a entidade que escolle a Palabra do Ano para o idioma español. En 2018, entre 12 propostas, escolleron microplástico, ‘pequenos fragmentos de plástico (menores de cinco milímetros) que o ben se fabricaron xa con ese tamaño, ou ben se fragmentaron dun plástico maior (bolsas de la compra, envases de todo tipo…) durante o seu proceso de descomposición’, neoloxismo creado para designar unha das ameazas máis serias para o medio.

O Observatori de Neologia (OBNEO) da Universidade Pompeu Fabra e o Institut d’Estudis Catalans (IEC) escolleron como Palabra de 2018 sororitat, termo que fai referencia á relación de solidariedade entre as mulleres baseada en motivacións sociais, ética e emocionais. Quedou en segundo lugar o termo épic, en terceiro: demofóbia.

Nos países da lusofonía: ao fondo de todo está entrevese a preocupación social

En Portugal, a iniciativa da Porto editora tivo, como termo escolleito polos internautas, enfermeiro, estes profesionais reclaman aumentos salariais, unha progresión máis rápida na carreira e a contratación de máis profesionais. Tras deste termo os portugueses elixiron tamén professor e toupeira. A empresa Plural Editores Moçambique elixiu resiliência que ante as diferentes dificultades ás que se enfrontan os mozambicanos no día a día demostran unha capacidade de perseveranza ante as adversidades. No Brasil, a palabra que mellor resume, segundo Cause –equipo formado por profesionais da socioloxía, antropoloxía, a xestión pública etc.– o seu espírito ao longo do 2018 foi mudança ‘corrupción’. Escolleita cun 34% da porcentaxe dos votos, atrás quedaron : medo, esperança, luta e caos. Traduce o sentimento dos brasileiros nun ano electoral

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir