Apelidos con boas raíces

A antroponimia é a parte da onomástica que pescuda na orixe, historia e significación dos nomes propios dunha persoa. Con motivo do Día das Letras Galegas 2020, aproveitouse o apelido máis identificativo do seu protagonista, Ricardo Carballo Calero, para profundar un chisco nesta disciplina pescudando nas orixes deste nome de familia e doutros con raíces tamén fondas nos nomes de plantas.

No século IX xurdiu a necesidade de ter un segundo nome propio, o que coñecemos como o apelido. Naquela altura houbo un aumento demográfico e a coincidencia de nomes fixo necesario idear outros procedementos para identificar as persoas coas que te relacionabas. Botouse así man dos patronímicos (nome do pai), dos topónimos indicadores do lugar de onde era unha persoa, dos oficios que se desenvolvían ou dos sobrenomes (alcumes da familia). Os apelidos podían xurdir así por comparación facendo referencia a unha característica física (Calvo ou Formoso), psíquica (Ledo) ou á semellanza con animais (Solla), obxectos (Castelo) ou plantas e árbores.

Carballo ou Carvalho –como o grafou o escritor e filólogo que será homenaxeado este 17 de maio– é un apelido que xorde do nome común que se lle outorga á especie arbórea quercus robur, árbore caducifolia da familia das fagáceas, de gran tamaño, cerna moi dura e copa ampla que ten como froito a landra sobre un longo pedúnculo. Tamén atopamos unha serie de nomes de familia que son derivados do primeiro como é o caso de Carballal, Carballada, Carballeira e Carballeiro. Crese que o apelido podería xurdir da comparación da persoa coa árbore (o que era forte coma un carballo) ou, ao mellor, dun topónimo que faría referencia á súa vez á presenza desta árbore no lugar do que era orixinal unha persoa (ser de Carballo). Segundo a Cartografía dos Apelidos de Galicia o apelido Carballo ten 10121 ocorrencias en 186 concellos de toda Galicia e Carvalho atopámolo 325 veces, en 21 concellos, moitos próximos co territorio portugués. Ademais de Ricardo Carballo Calero, na relación de persoas homenaxeadas co Día das Letras Galegas atopamos tamén a Luís Amado Carballo, protagonista do Día das Letras Galegas de 1982.

Outra unidade moi común no elenco dos apelidos vinculados a plantas é Piñeiro. A orixe do nome desta árbore está na designación clásica latina pinus, que era ‘piñeiro’ pero que chegou a nós desde o baixo latín pinarius. O seu uso como apelido pode explicarse, como no caso anterior, por comparación coa árbore, aínda que tampouco se debe desbotar que garde relación co nome de lugar, xa que hai 150 parroquias en Galicia que reciben o nome de Piñeiro. Segundo a Cartografía dos Apelidos, é un apelido abundante en todo o territorio, 25095 ocorrencias en 191 concellos, inda que gran parte dos seus depositarios se concentran na franxa atlántica que vai desde Carnota a Moaña. Tamén se rexistran coma derivados Piñeira e Piñeiroa e, en Verín e A Mezquita, a variante gráfica Pinheiro. Volvendo á celebración das Letras Galegas, cómpre lembrar a Ramón Piñeiro, homenaxeado en 2009.

Un nome de familia bastante frecuente en Galicia é Pereira, que ocupa o posto 24 en frecuencia, sabendo que os primeiros son para Rodríguez, Fernández e García, que son patronímicos. Aínda que o atopamos en todo o país, presenta unha extraordinaria concentración no Baixo Miño, entre O Rosal e Gomesende. Menos ocorrencias atopamos da forma en plural, Pereiras. Ambas as dúas xorden do nome da árbore froiteira, unha creación sobre o nome da froita, pera, que vén do equivalente latino pira, plural de pirum ‘pera’.

Existe ademais a forma Pereiro, que remite tamén ao nome común pereiro co que se designan diversas árbores, entre as que está unha  variedade de maceira que dá peros, que poden ser tanto mazás agres como peras silvestres pequeneiras. De feito, o nome desta árbore é un derivado sobre pero que nos chega, tamén, do latín pirum ‘pera’, do mesmo étimo que pereira, pero partindo do masculino. Como apelido témolo localizado, sobre todo, na provincia da Coruña e no interior norte da de Pontevedra, coa excepción dunha illa na provincia de Lugo, no concello do Incio e os concellos limítrofes. E desa zona, de Monforte de Lemos, era Lois Pereiro, o protagonista do Día das Letras Galegas de 2011.

Filgueira e Filgueiras son apelidos que non derivan directamente do nome dunha árbore, senón que remiten a un lugar onde abunda unha planta, neste caso, felgo, fento ou fieito. Todos eles son nomes comúns que remiten a filix, -icis ‘fieito’. Este antropónimo ten unha ocorrencia alta na provincia da Coruña, en concreto nos concellos de Lousame e Noia, e na ría de Pontevedra. Da variante plural, os seus depositarios xúntanse no norte da Coruña, en Monfero, Miño e Pontedeume. Na relación de homenaxeados no Día das Letras Galegas tamén o atopamos a través de Xosé Filgueira Valverde, protagonista do 17 de maio de 2015. Xesús Ferro Couselo é outro autor das Letras (1996) que leva unha planta como nome de familia. O seu segundo apelido remite a aquela plantiña que medra nos valados, verde e carnosa á que lle corresponde o nome científico Umbiculus pendulinus ou rupestris, máis coñecida seguramente a través doutras voces populares como capelo, conchelo ou orella de frade. O apelido Couselo é case exclusivo da provincia da Coruña, onde hai moitos en Ordes e Tordoia; pero atópase tamén no concello de Valga, en Pontevedra, onde naceu precisamente o noso autor e de onde era a súa familia materna.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir