O 26 de xullo, o máis grande evento deportivo internacional, as Olimpíadas, celebra a súa XXXIII edición en París.
Na Grecia da antigüidade era común realizar diferentes ofrendas e prácticas rituais en homenaxe a múltiples deidades, e aínda que con frecuencia consistían en sacrificios animais, con degolacións, cremacións e outros métodos bastante cruentos, noutras ocasións as homenaxes tiñan un carácter máis amable. Na desaparecida cidade de Olimpia, por volta do ano 776 a.C., orixinouse a tradición de celebrar, na honra de Zeus, un certame onde se practicaban múltiples xogos deportivos; tiña lugar no templo dedicado ao deus, cada catro anos, durante o tempo de verán, e foi moi popular por máis de mil anos, ata que o emperador Romano Teodosio decidiu suprimilo, no final do século IV d.C. Xa desde o inicio, estes xogos foron coñecidos polo nome alusivo ao topónimo da cidade que os viu nacer –Olumpía, na forma grega orixinaria, en relación clara co Olimpo (Ólumpos, ‘o alto entre o máis alto’), a morada das deidades–, empregando para iso o xenitivo olumpiádos, que máis tarde pasaría ao latín como olympiadis. En orixe, o substantivo xeneralizouse cun sentido cronolóxico, representando os catro anos que pasaban entre un certame e o seguinte, o que serve para nos dar idea do éxito que estas competicións deportivas tiñan na Grecia antiga.
No século XIX, recupérase a idea de volver organizar uns xogos semellantes aos que se facían na antigüidade. Para darlle forma ao proxecto foron decisivas as xestións do francés Pierre Frèdy, barón de Coubertin, quen foi o fundador do Comité Olímpico Internacional. O 6 de abril de 1896, celébrase en Atenas a primeira edición das Olimpíadas da nosa era, consolidándose a nomenclatura con que se coñecen ata o día de hoxe.
A cidade de Olimpia foi, polo tanto, o eixe vertebrador de todo o léxico asociado ás Olimpíadas (do adxectivo olímpico -a, o adverbio olimpicamente ou o substantivo olimpismo, “o conxunto de valores e ideais propios dos xogos olímpicos”) e tamén o piar de boa parte da simboloxía propia do certame, como o rito de inauguración que consiste en prender a chama olímpica no estadio desta cidade para logo levala acesa nun facho deica o país de acollida dos xogos que corresponda en cada edición.
Coas Olimpíadas de 2024 París converterase na segunda cidade en acoller os Xogos Olímpicos de verán tres veces (logo de Londres), xa que tamén se celebraron en 1900 e 1924, os deste verán coinciden co centenario. Nesta edición apostouse por unha renovación das modalidades deportivas participantes, quérese achegar as Olimpíadas aos máis novos e así incorporouse como disciplina o breakdance, así como manter a escalada deportiva, o surf e a monopatinaxe que debutaron en Tokio 2020.