Que para nós a Palabra do Ano 2017 é afouteza xa o sabedes. E recordaredes tamén que son moitos os países e culturas que escollen a súa propia, para dar conta dos eventos que dalgún xeito representan o interese informativo nos últimos doce meses nesa sociedade. Imos, entón, dar un repaso a outras Palabras do Ano arredor do mundo.
Estados Unidos: a política marca a actualidade
Merriam-Webster –a histórica compañía lexicográfica estadounidense– escolleu feminism ‘feminismo’ como a palabra de 2017. Argumentan que foi unha das máis buscadas no seu dicionario, coincidindo con acontecementos de actualidade, como a marcha das mulleres a Whashington D.C. en xaneiro, a estrea da serie O conto da criada ou a campaña de denuncia do acoso sexual secundada por moitas actrices americanas, entre outros.
Pola súa parte, para a American Dialect Society, a expresión fake news ‘noticias falsas’ debe ser a palabra de 2017, xa que esta frase –que xa figuraba entre as candidatas da Society na edición anterior– incrementou a súa difusión e mesmo acolleu novos sentidos. Para eles, as fake news son, en primeiro lugar, ‘historias ficticias que se dan como verdadeiras por intereses financeiros ou propagandísticos’, aínda que logo os sentidos desta expresión poidan mudar en función do contexto de uso. O propio presidente norteamericano, Donald Trump, foi unha das persoas que máis contribuíron á súa difusión pois deu en chamarlle deste xeito, unha e outra vez, a toda aquela noticia que puña en cuestión o seu modo de exercer a lexislatura.
A terceira entidade que escolle palabra do ano en USA, Dictionary.com, propón complicit, ‘cómplice’. A elección apóiase nas buscas que tivo o termo na súa web ao longo do ano: por exemplo, cando se considerou que os membros da administración Trump eran “cómplices” dos primeiros despedimentos ao chegaren á Casa Branca, pero, sobre todo, cando un coñecido programa televisivo fixo unha parodia cun anuncio de perfume chamado complicit onde o lema era “a fragrancia da muller que o podería deter todo… pero é cómplice”, en referencia a Ivanka Trump.
Gran Bretaña: os “mozos terremoto” e máis, moita máis, política
A escolla do dicionario Oxford tamén está determinada polos acontecementos no ámbito sociopolítico. Para eles, a Palabra do Ano 2017 é youthquake, que fala do ‘poder da mocidade do milenio’. O incremento significativo no uso desta palabra produciuse cando os comicios no Reino Unido, onde o voto destes “mozos terremoto” –que é o significado literal do vocábulo– tivo unha grande influencia nos resultados do partido Laborista e no conxunto xeral.
Porén, para o dicionario Collins, o termo máis representativo do ano é fake news, que, como dicimos máis arriba ao falarmos das propostas nos Estados Unidos, podería definirse como a ‘información falsa, sensacionalista, difundida baixo a aparencia de reportaxe informativa’. O argumento máis poderoso que ofrecen é o aumento espectacular na cifra de buscas desta voz no seu dicionario respecto do ano anterior: incrementouse un 365% desde 2016.
No caso do dicionario de Cambridge, a palabra escolleita foi populism, ‘populismo’, que definen como ‘ideas e actividades políticas que pretenden obter o apoio da xente común dándolles o que queren’, indicando que se trata dunha voz que se utiliza habitualmente con sentido crítico. Xustifican a súa escolla argumentando que os picos nas buscas deste termo no dicionario obedecen a circunstancias da actualidade local pero que o populismo como fenómeno ten carácter global.
Australia: dobre nacionalidade con polémica
Para a Australian National Dictionary Centre’s a Palabra do Ano é kwaussie, unha fusión entre “Kiwi” mais “Aussi”, que son os termos coloquiais con que se designan os neozelandeses e os australianos, e xa que logo, unha persoa que ten a dobre nacionalidade é un kwaussie. A condición que leva aparellada esta etiqueta provocou certa controversia, ata o punto de que foi o detonante da dimisión de varios parlamentarios.
Outra obra lexicográfica australiana, o Macquarie dictionary, presenta dúas opcións ben diferentes. Por unha banda, o termo elixido polos internautas: framaly, híbrido neolóxico (friend+family) que designa ‘os amigos que son como familia’. Por outro lado, a elección do comité, formado por especialistas de distintos ámbitos: milkshake duck, que significa ‘a persoa que é enxalzada nas redes rapidamente… ata que se descobre unha tacha do seu pasado e pásase a denigrala coa mesma celeridade’. A escolla vén motivada porque o primeiro que empregou a frase foi un coñecido debuxante australiano, Ben Ward, inda que o seu uso é frecuente nos Estados Unidos tamén. Arguméntase ademais que é unha variante da síndrome da papoula anglosaxoa: “aquela papoula que destaca, débese cortar”.
Xapón: das redes sociais á telepatía
En Xapón, segundo un comité técnico da editorial Jiyū Kokumin Sha, a Palabra do Ano é Insuta-bae, neoloxismo aplicado á foto que ten todos os atributos para ‘brillar en Instagram’. De querer traducilo, resultaría algo parecido a instagramable. De segunda quedou sontaku ‘telepatía do funcionario’, que xorde dunha situación moi concreta do país nipón pero que, como xa vimos noutros casos, encobre unha realidade máis global: produciuse unha venda “anormal” duns terreos a baixo custo e sospéitase da intervención necesaria do primeiro ministro. Este asegura que non meteu man en nada ilícito e que os funcionarios foron quen de interpretar que el podería darlles o visto e prace aos permisos necesarios para realizar a tal venda (enténdase que por algún tipo de capacidade telepática) e así o fixeron.
Alemaña: a Xamaica que puido ser e non foi
Os especialistas da “Sociedade para a Lingua Alemá” -“Gesellschaft für deutsche Sprache” (GfdS) deron como a Palabra do Ano 2017: Jamaika-Aus, termo neolóxico, popular entre os alemáns, creado para indicar o fracaso da posible coalición de goberno tras as últimas eleccións. As cores dos partidos que poderían formar o tripartito lembran a bandeira de Xamaica (negro –da coalición de Angela Merkel, CDU-CSU–, verde –a cor de Die Grünen, “os Verdes”– e amarelo –a dos Liberais Demócratas do FPD–). Ao non chegaren finalmente a acordo, todo quedou nun “Xamaica acabado”, que sería a tradución literal do termo.
Italia: Cando morre a árbore de Nadal
En Roma, o xornal Republica fixo a finais de decembro de 2017 unha sondaxe (mirar na web Rep.it) propoñendo un colorido abano de quince termos: biotestamento, curvy, feminicidio, intifada sexgate… a sorpresa chegou coa palabra que finalmente resultou gañadora en votos: spelacchio, ‘pelado’ ou ‘depenado’, que foi o alcume que lle puxeron os romanos ao abeto ornamental para o Nadal do concello de Roma, xa que este morreu prematuramente e nunca o chegaron a ver verde e frondoso.
Nos países de fala catalá: o estrondo do procés
O Observatori de Neologia (OBNEO) da Universidade Pompeu Fabra e o Institut d’Estudis Catalans (IEC) escolleron como Palabra de 2017 cassolada, termo que tradicionalmente ten o significado de ‘manxar que se cociña nunha cazola’ –algo así como a nosa caldeirada–, pero ao que se lle engade unha nova acepción co valor de ‘protesta colectiva que se fai coa axuda do barullo de bater nas potas’, unha forma de manifestarse que se fixo popular nas loitas pola independencia do pasado ano.
Suíza: contra o acoso
Segundo o departamento de Lingüística da Universidade de Ciencias Aplicadas de Zürich (Zürcher Fachhochschule), a palabra en francés que mellor define o 2017 foi harcèlement, ’acoso’ referido ás situacións que padecen as mulleres neste sentido e que, se ata o de agora foran encubertas ou silenciadas, durante o 2017, como resultado de diversas accións de concienciación social, comezan finalmente a ter visibilidade, como paso necesario para a erradicación.
Os Países Baixos, máis alá dos canais
Segundo o dicionario Van Dale, a palabra que define o 2017 é o termo appongeluk que foi avalado co 20% do total de 70.000 votos recibidos, e co se describe ‘ter un accidente de tráfico por atender algunha alerta do WhatsApp’. Tras desta palabra, escolleron fipronilei, a denominación dos ovos infectados polo pesticida “Fipronil”.
Francia e Rusia: Cambialo todo para que nada cambie?
Para o xurado de especialistas da web Le mot de l’année en Francia, a palabra é Renouvellement, de par da votada polos cibernautas que foi Renouveau. Ambos os termos fan referencia á ‘renovación’ que a cidadanía percibe no goberno, agardando que este feito non quede nun cambio de caras e tamén o sexa de ideas e políticas.
Os rusos coinciden cos franceses xa que o Consello de Expertos do Centro para o Desenvolvemento Creativo da Lingua Rusa elixiu реновация, ‘renovación’, aínda que as referencias neste caso son outras, xa que o termo se popularizou a raíz de que o alcalde de Moscova pretendese renovar os rañaceos máis vellos da cidade… demoléndoos! Loxicamente, a lea que provocou este proxecto entre os veciños foi boa.
España: rexeitando o rexeitamento ao pobre
A Fundación del Español Urgente, Fundéu, é a entidade que escolle a Palabra do Ano para o idioma español. En 2017, entre 12 propostas, escolleron aporofobia, ’rexeitamento ou aversión ao pobre’, neoloxismo creado pola filósofa Adela Cortina para discernir as actitudes e comportamentos hostís contra as persoas menos favorecidas no material da xenofobia e o odio racista.
Nos países da lusofonía: lumes, alimentos e corrupción
En Portugal, a iniciativa da Porto editora tivo, como termo escolleito polos internautas, incêndios, produto das terribles vagas de lumes que foron padecendo. Pola súa banda, en Mozambique, a empresa Plural Editores Moçambique elixiu tseke que é o nome da Amaranthus spinosus, planta herbácea de rebentos e follas comestibles que o goberno mozambicano recomenda cultivar polo seu valor alimenticio e para reducir a fame. No Brasil, a palabra que mellor resume, segundo Cause –equipo formado por profesionais da socioloxía, antropoloxía, a xestión pública etc.– o seu espírito ao longo do 2017 foi corrupção ‘corrupción’.