As palabras de Mandela

O 18 de xullo celébrase o Día Internacional de Nelson Mandela, como reconocimiento ás achegas do expresidente da República de Suráfrica en materia de cultura da paz e a libertade. Foi  decretado pola ONU en 2009. Neste Allos con bugallos imos pararnos nalgunhas das voces nas que cómpre reflexionar. El contribuíu a que o mundo fose un chisco mellor, pero cómpre non esquecer os infaustos motivos que o fixeron mundialmente célebre.

Participou desde moi novo na loita contra o apartheid e logrou dúas cousas que incluso poden parecer paradoxais: derrubar ese réxime de segregación racial e que a palabra que significaba en neerlandés ‘separación’ se difundise desde a lingua da poboación africáner a todo o mundo para denominar, nun principio en exclusiva, o sistema imperante en Suráfrica ata hai practicamente dúas décadas. Se ben esta lingua deriva do neerlandés, apúntase que a orixe deste termo en concreto estea na expresión francesa à part.

A partir dese uso inicial foise popularizando e hoxe non nos espantamos de velo utilizado en sentido metafórico para nos referir á situación que se vive nalgúns territorios e que recorda nalgún aspecto á da poboación negra de Suráfrica ou mesmo a unha situación de clara discriminación (“ser nacionalista implica un apartheid político”, “unha lei que chamamos de apartheid”, “o apartheid estudantil” ou “apartheid lingüístico” son exemplos que podemos ler na prensa).

Fixo tamén que se volvese falar dos guetos, aínda que estes xa desgraciadamente coñecidos nas nosas latitudes. Esta voz, procedente do italiano ghetto, utilizouse primeiramente para designar os barrios onde eran obrigados a vivir os xudeus e de aí estendeuse ao lugar onde vive confinado calquera grupo humano. Por certo, o nome do que probablemente chegase a ser o gueto máis famoso de África do Sur, Soweto, formouse coas siglas da expresión inglesa ‘South Western Township’ (“Municipio do Suroeste”).

Curiosa herdanza vindo de alguén unanimemente considerado símbolo da loita polos dereitos civís, pola liberdade, pola igualdade, a dignidade e a unidade do seu pobo, e mesmo motivo de inspiración para músicos e cineastas. E máis alá de consideracións puramente lingüísticas, soubo expoñer a diferenza, non sempre comprendida, entre que unha persoa entenda unha mensaxe ou que realmente lle chegue: “Falarlle a alguén nun idioma que entende permite chegar ao seu cerebro, mais falarlle na súa lingua materna significa chegar ao seu corazón”, dixo nun discurso que a UNESCO recolleu. Unha persoa desposuída do seu propio nome recórdanos a importancia que teñen e que merecen as linguas que nos conectan co que somos.

O respecto á diversidade lingüística parece presidir a lexislación do seu país desde a fin do apartheid, xa que actualmente son once os idiomas oficiais e oito máis están recoñecidos como nacionais. E aínda que poderiamos pensar que a presenza entre eles dunha gran lingua internacional puidese supoñer un transvasamento masivo de falantes cara a ela, nos primeiros postos, por número, atópanse idiomas propios como o zulú ou o da tribo de Mandela, o xhosa.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir