A nosa Palabra do Ano 2019 é sentidiño xa o sabedes. Mais hai outros moitos países e culturas que escollen a súa propia. Pretenden así, coma nós, dar conta dos eventos que dalgún xeito representan o interese informativo nos últimos doce meses nesa sociedade, ou algunha preocupación social especial. Imos darlle unha volta ao mundo para coñecelas!
Os Estados Unidos, palabras para as persoas
Merriam-Webster, a histórica compañía lexicográfica estadounidense, escolleu they como a palabra de 2019. Argumentan que foi unha das máis buscadas no seu dicionario, rexistrando un 313% de aumento respecto ao ano anterior. Desta volta non foi un evento ou unha nova o que motivou as buscas senón a lingua por si e o uso cambiante desta. O emprego do pronome persoal de terceira plural como pronome neutro singular é o xeito para que as persoas non binarias se vexan representadas na lingua sen se sentir discriminadas, ademais de contribuír á vez a desbotar a linguaxe sexista.
Nunha liña semellante, a American Dialect Society, na súa trixésima edición da votación anual da palabra do ano elixiu (My) pronouns, ‘os meus pronomes’, como a palabra de 2019, do mesmo xeito que elixiu they como a da década. Na acta da reunión que así o decidiu indícase que a escolla débese á crecente preocupación das persoas por expresar a identidade de xénero desde a lingua sen limitacións nin discriminacións.
A terceira entidade que escolle palabra do ano nos Estados Unidos, Dictionary.com, propón o adxectivo existential que ten dúas acepcións: 1) Relativo á existencia. 2) Relativo ao existencialismo. A elección apóiase no feito de que foi unha das voces máis buscadas nesta web ao longo de 2019 á par de vórtice polar ou terrorismo estocástico. O termo recolle a sensación de loita pola supervivencia, literal e figurativamente, do planeta, das persoas e das formas de vida.
Gran Bretaña, o clima é unha constante
A escolla do dicionario Oxford como Palabra do Ano 2019 é a frase climate emergency ‘emerxencia climática’, definida coma ‘a situación na que se requiren accións urxentes para reducir ou deter o cambio climático e evitar danos ambientais potencialmente irreversibles como resultado del’. Demostra que hai unha maior concienciación pública ao redor do clima e as consecuencias sobre a poboación e o planeta do cambio climático.
Para o dicionario Collins o termo máis representativo do ano é climate strike, ‘folga climática’. A locución está relacionada co chamamento á folga dos Fridays For Future ‘venres polo futuro’ que a estudante sueca Greta Thunberg propiciou durante este último ano, inda que a primeira xa se convocou en novembro de 2015 coincidindo coa conferencia da ONU sobre o cambio climático de París. Con estas protestas a mocidade quixo promover a toma de conciencia dos problemas que trae consigo o cambio climático.
No caso do dicionario de Cambridge, a palabra escolleita foi upcycling, ‘reutilización’. Este termo incorporouse a este dicionario en liña en 2011, e as buscas incrementáronse un 181 por cento nos últimos tempos, unha proba da preocupación polo que pode facer o individuo para protexer o planeta mediante o control do consumo.
Australia, escolla polo propio
Para The Australian National Dictionary Centre’s a palabra do ano é voice, palabra especialmente importante no contexto australiano, porque é a que se utiliza para indicar o feito de lles dar voz ás persoas que descenden dos primeiros poboadores, proporcionándolles unha canle formal para que os indíxenas poidan achegar a súa opinión sobre as leis e políticas novas que os afecten.
Outra obra lexicográfica australiana, o Macquarie dictionary, escolleu como palabra do ano 2019 robodebt. Esta elección é froito da votación popular e fai referencia a un termo local que designa ‘as persoas socialmente vulnerables endebedadas co goberno por un cálculo automatizado erróneo por un algoritmo creado polos servizos sociais para a verificación dos datos do demandante de axudas’. A elección dos expertos é cancel cultura ‘cultura da cancelación’, e tamén houbo unha mención especial para eco-anxiety ‘ansiedade ecolóxica’.
O Xapón, sitio distinto
No Xapón, o comité técnico da editorial Jiyū Kokumin Sha reuniuse unha vez máis na cita anual para a Expresión do ano. A elixida foi One Team!, empregada polo seleccionador Jamie Joseph para fomentar a unidade no equipo nacional de rugby, que chegou, por primeira vez, a cuartos de final da Copa Mundial, celebrada nese país en outono de 2019. Finalista tamén foi #KuToo, un xogo de palabras que fai referencia aos termos xaponeses kutsu ‘zapatos’ e kutsū ‘dor ou incomodidade’. Sinala así o sexismo da norma que lles esixe ás mulleres xaponesas levar incómodos zapatos de taco no traballo e aos homes non. Foi proposto pola escritora e exmodelo Ishikawa Yumi e emula o cancelo #MeToo utilizado para denunciar os casos de acoso e abuso sexual.
Alemaña, dúas palabras que apelan ao respecto
Os especialistas da Sociedade para a Lingua Alemá —“Gesellschaft für deutsche Sprache” (GfdS) — deron como Palabra do Ano 2019: Respektrente ‘renda de respecto’. O termo refírese á introdución dunha pensión básica para as persoas que despois de 35 anos traballando non acadan unha que chegue ao nivel mínimo para a subsistencia. Logo tamén se escolleu rollerchaos ‘caos dos patinadores’, xa que os patinetes eléctricos alugables se converteron rapidamente nun problema. Seica nas cidades alemás se usan de maneira desapiadada, condúcense de xeito contrario ao tráfico e estaciónanse descontroladamente.
Italia, a protesta da cidadanía por ser bo peixe
En Roma, o xornal La Repubblica realizou a finais de decembro de 2019 unha sondaxe propoñendo un abano de dezaseis termos aos lectores e lectoras: sugar tax, spazzacorroti, reddito di cittadinanza, greenager… A gañadora a moita distancia foi sardina, ‘sardiña’, que é como se lles chama ás persoas que se manifestan en contra das políticas discriminatorias que promulga en Italia Salvini. Unha sardiña é un bocado para unha quenlla, pero con todo un cardume non pode. En segundo lugar quedou capitana, palabra que se refire á capitá do buque Sea-Watch 3, Carola Rackete, que non quixo acatar as ordes de non se achegar a porto italiano coas persoas rescatadas no medio do Mediterráneo.
En Suíza, o clima, unha constante
Segundo o departamento de Lingüística da Universidade de Ciencias Aplicadas de Zürich (Zürcher Fachhochschule), a palabra en francés que mellor define o 2019 foi vague verte ‘onda verde’, que fai referencia ao espírito que encheu a sociedade suíza e o seu goberno a prol da sustentabilidade ecolóxica. Esta elección é compartida polos falantes de italiano xa que escolleron onda verde. Para o alemán o termo elixido foi Klimajugend, ‘a mocidade do clima’, que pon de relevo a preocupación da mocidade suíza polas consecuencias do cambio climático. Nesta edición temos a escolla, por primeira vez, para o romanche, que é luf ‘lobo’.
Os Países Baixos e Bélxica
Segundo o dicionario Van Dale, a palabra que define o 2019 é o termo boomer, avalado co 41,8% do total de votos recibidos, e co que se fai referencia na fala xuvenil ás peroas maiores con ideas anticuadas e conservadoras. Impúxose, contra prognóstico, por riba de palabras relacionadas coa crise climática. En Bélxica o vocábulo que se impuxo é winkelhieren ‘comercio local’, que reivindica mercar na tenda de a carón da casa.
Francia
Para o dicionario Le Robert a palabra do 2019 en Francia é féminicide ‘feminicidio’, unha das finalistas da elección que promovemos no Portal das Palabras. Segundo a directora editorial dos Dicionarios Le Robert, Marie-Hélène Drivaud, esta decisión amosa unha conciencia colectiva moi clara da sociedade para esixir ao goberno accións que deteñan a violencia contra as mulleres.
Na Península Ibérica
A Fundación del Español Urgente, Fundéu é a entidade, promovida pola Agencia Efe e o BBVA, que escolle a Palabra do Ano para o idioma español. En 2019, entre outras propostas, elixiu emoji/s, que xunto coas emoticonas forman parte da comunicación diaria e conquistan novos espazos comunicativos máis alá das conversacións privadas nas que comezou o seu uso.
O Observatori de Neologia (OBNEO) da Universidade Pompeu Fabra e o Institut d’Estudis Catalans (IEC) escolleron desta volta dúas palabras para o 2019: emergència climàtica e animalista. A diferenza entre os apoios foi tan pequena que os organizadores deron ambas como vencedoras e a Secció Filològica de l’Institut d’Estudis Catalans estuda a súa incorporación ao dicionario.
Nos países da lusofonía no fondo de todo entrevese a preocupación social
En Portugal, a iniciativa da Porto editora tivo, como termo escolleito polos internautas, violência doméstica, que presenta unha preocupación que calquera pode compartir. A empresa Plural Editores Moçambique elixiu reconciliação. No pasado mes de setembro o papa Francisco visitou o país, onde foi recibido por millares de devotos, e apelou “à reconciliação e à paz no país”. Foi seleccionada entre outras nove candidatas: catástrofe, eleições, extradição, instabilidade, investimento,·pastor,·prisão, tráfico e xenofobia.
No Brasil, segundo Cause –equipo formado por profesionais da socioloxía, antropoloxía, a xestión pública etc.–, a palabra que mellor resume o seu espírito ao longo do 2019 foi dificuldades ‘dificultades’, porque parece que reflicte os sentimentos vividos no país nos últimos meses do ano. Foi escolleita cun 21% dos votos e posta en plural para indicar que as dificultades xorden nas diversas áreas: a profesional, a persoal e tamén a gobernamental. Atrás quedaron esperança ou renovação.