Clash Royale é un videoxogo de balde para móbiles. Apareceu en 2016 e foise habilitando para diferentes sistemas operativos. Os seus creadores pertencen á empresa Supercell, fundada en Helsinki, en 2010, grazas ás achegas dos seus promotores mais as axudas do goberno finlandés.
Partimos da base de que es unha das máis de cen millóns de persoas que descargaron o Clash Royale, o videoxogo viral para móbiles, que arrasa en medio mundo. Se non o baixaches é probable que escoitaras falar do enredo, xa que nos foros, vídeos e conversas inzaron as palabras que nos levan a un universo épico, de ambientación medieval e máxica.
Batallas e torneos
A cousa empeza desde o propio título do xogo, Clash Royale, que se espallou na súa forma inglesa orixinal, pero que ben poderiamos traducir como Batalla Real. Dous equipos (de humanos, non se pode xogar contra a máquina) enfróntanse para destruír as torres do inimigo; quen consiga derrubar a torre central, a do rei, gaña a batalla. Esta é unha palabra que está presente desde o latín medieval, batt(u)alia, cun significado semellante, aínda que parece que nun principio se referiu especificamente aos combates de esgrima, moi practicados polos romanos como preparación dos soldados, e que tamén gañaron éxito entre o público como espectáculo de gladiadores.
Para alén das batallas, os xogadores poden organizar torneos –tournaments– por zonas, unha boa oportunidade para conseguir recompensas. Segundo o Dicionario, un torneo é un “combate medieval entre cuadrillas de cabaleiros armados con lanzas, que se desenvolvía nun recinto circular e no que cada cabaleiro intentaba derribar o seu contrario.” Algúns especialistas localizan a orixe desta voz no antigo occitano, tornei, desenvolvido a partir dun verbo torneiar, que era algo semellante a ‘avanzar xirando dun lado a outro, montado nun cabalo’. Na base estaría o morfema torn– de onde tamén o noso torno (en latín tornus, co mesmo significado), sempre destacando o movemento circular, que é o característico das ferramentas utilizadas por diferentes profesionais, desde un dentista a un oleiro.
Arenas
As batallas do Clash Royale teñen lugar en escenarios que se van coñecendo a medida que se sobe de nivel. Estes “decorados” teñen un nome específico, as arenas, numeradas correlativamente en función do nivel acadado. O Dicionario di que a arena é o “espazo central dun circo romano, dunha praza de touros etc., onde se realiza o espectáculo”. De feito, a palabra mantén a forma que tiña para os romanos, que a usaban para nomear o espazo situado no centro dos anfiteatros, cuberto de area para mellor enchoupar o sangue, xa que era onde tiñan lugar os combates entre gladiadores ou coas feras. A extensión deste termo na lingua actual –presente tamén en linguas, como o italiano, o francés ou o alemán– débese ao influxo do inglés, empregándose como nome de recintos deportivos.
Coroas
Cada vez que o xogador derruba unha das torres do contrario gaña unha coroa, e no momento en que cae a torre central, remata a partida. En caso de empate, pasados os tres minutos que é o tempo que dura cada batalla, hai sesenta segundos extra onde os rivais poderán xogar á “morte súbita”, gañando o primeiro que consiga tirar unha torre. A coroa é, xa que logo, o símbolo da vitoria por torre conquistada (e rei defenestrado). Lémbranos os enfrontamentos entre monarcas que se sucedían no medievo. A palabra vén do latín, onde podía designar o distintivo dun monarca pero tamén outros varios obxectos en forma de círculo; de feito, hai etimoloxistas que apuntan unha posible relación coa voz grega khorós, -ou que era o nome que se lle daba a un coro de danza. É unha palabra presente desde o comezo do idioma e amosa as evidencias da evolución típica das palabras populares, coa perda da consoante nasal entre vogais que contiña o étimo latino, corona –ae.
Cofres
Estando ambientado nun mundo medieval e máxico, pode haber algo máis simbólico destes dous conceptos ca un cofre? O cofre, gardador de tesouros, recompensas e misterios, non falta en ningún conto tradicional. En Clash Royale, os cofres conséguense xogando, un por cada hora de xogo aproximadamente, aínda que tamén poden mercarse con moedas de ouro ou directamente nas tendas das aplicacións de móbiles con diñeiro virtual; veñen cheos de obxectos prezados: máis moedas, melloras, e por suposto as imprescindibles cartas!
A palabra cofre ten esa forma porque a trouxemos do francés medieval, coffre, aínda que a súa etimoloxía é latina, xa que se formou sobre o substantivo cophinus, que neste idioma se utilizaba para nomear un cesto, de diferentes materiais.
Cartas
Se hai algo que non pode faltar nas batallas do Clash Royale son as cartas. Son como as figuras no xadrez ou as pezas brancas e escuras do xogo das damas. Cada xogador ten que escoller a baralla, ou mazo, de cartas co que tentará destruír as torres do rival, un exército de oito naipes que irá mellorando e reforzando a medida que sume vitorias e gañe niveis. As cartas poden ser de varios tipos: comúns, especiais, épicas ou lendarias, cada un deles máis letal ca o anterior. Están dedicadas a todo tipo de personaxes típicos do imaxinario medieval –bruxas, arqueiras, trasnos, magos, príncipes, dragóns e incluso valquirias e bárbaros–, aínda que tamén non faltan outras criaturas puramente tecnolóxicas, como é o caso do prezado robot PEKKA.
O Dicionario di que carta é “cada unha das cartolinas que compoñen unha baralla” e que é sinónimo de naipe (podes revisar o que traballamos sobre naipe no Setestrelo dedicado ás palabras de Alicia no País das Marabillas). Pola súa banda, carta é unha voz común á maioría das linguas románicas (romanés carte, italiano carta, francés charte, occitano, catalán, español e portugués carta). O berce está no latín charta –ae, que viría da grega khártes, nome da folla de papel lista para ser escrita. Desde este significado, foi acollendo novas acepcións, referidas a distintos tipos de documentos escritos, e tamén a das tarxetas de cartón que se empregan para xogar.
Os creadores de Clash Royale introducen periodicamente novos personaxes con diferentes habilidades, mirando de tentar manter o chamado o equilibro do xogo, ou sexa, que sexa posible gañar sexa cal sexa o mazo con que se participe, polo que a vitoria dependerá do bo facer do xogador ou equipo, xa que o xogo é ante todo un enredo de estratexia cunha boa dose de espírito de clan.