Na volta do comezo do outono, as terras plantadas con vides enchen de xente que fai a colleita das uvas; logo vén o tempo da produción do viño, que no noso caso é o principal uso, aínda que as uvas se empregan tamén noutros procesos con diferentes fins: uvas de mesa, pasas, mosto, vinagre ou para elaborar bebidas alcólicas distintas, como o brandy ou o vermú.
O Dicionario dá conta desta orientación vinífera: canda xenéricos como uveira, vide, videira, viña, bacelo, cádavo, acio, tamén hai voces específicas como bagazo, pampo ou vendimiño. É ben recordar que o termo viño ten a acepción “froito da vide”, que é a que se emprega na expresión “facer a colleita do viño”.
Así como noutros campos da agricultura a selección xenética permitiu conformar evolucións específicas de froitas e verduras, tamén na uveira foron escolléndose as variedades máis interesantes para cada caso, tanto brancas coma tintas (non negras), comezando dende o bacelo e rematando no bagazo. A ciencia que estuda as castes chámase ampelografía.
A procedencia dos nomes das uvas
Moitas das palabras que designan os tipos de uva proceden de nomes de cores e tamén lles dan nome a viños, especialmente se son monovarietais, ou sexa, producidos a base dun tipo único. Para coñecelas, podemos axudarnos da información procedente das nosas cinco denominacións de orixe e mais do Dicionario de alimentación e restauración do Centro Ramón Piñeiro, entre outras fontes. Neste Allos-con-bugallos centrarémonos en sete, de entre as máis coñecidas, todas elas con nomes de orixe autóctona. Son as que seguen:
godello
É a uva branca máis utilizada no país. Emprégana todas as denominacións de orixe e indicacións xeográficas. Ten acios de tamaño pequeno ou mediano, compactos e con bagos de forma ovada, entre amarelos e verdes. A floración e maduración é temperá. Esta uva achega moito alcol, pouca acidez e un sabor que lembra o da mazá.
A orixe do nome é escura, non se puido concretar ata o de agora de onde é que procede esta voz.
mencía
É unha uva tinta, usada en todas as denominacións de orixe –Monterrei, Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro e Valdeorras–, así como nas Indicacións Xeográficas Protexidas –Barbanza e Iria, Betanzos e Val do Miño-Ourense–. Os seus acios son de tamaño medio e compactos, de uvas medianas e acuminadas, con pel semigrosa, negra azulada; abrocha cedo mais a maduración é máis ben tardía. Confírelle ao viño unha cor cereixa, moito alcol e pouca acidez.
Respecto á etimoloxía do seu nome, déronse varias hipóteses de orixes diversas (Maecius, Metius e mesmo de Macías), e a máis recente delas é a que di que procedería de menciña. Como curiosidade, comentar que, segundo cremos, é o único nome de uva que se usa tamén como nome de persoa.
treixadura
Uva branca, de uso preferente en Monterrei, Rías Baixas (O Condado) e Ribeiro, e autorizada en Lugo. Con bagos elípticos ou alongados e duros, de pel grosa verde amarelada, en acios de medio tamaño ou grandes e pechos; abrolla e madurece de maneira tardía. Confire un sabor cítrico, balsámico e a mazá verde.
Sobre o nome desta variedade autóctona, algúns etimoloxistas pensan que procede da palabra treixa, ‘corda, adival’, que á súa vez viría do latín tragella e tragula ‘rede, dardo con cinta’.
albariño
Uva branca, de uso preferente en Rías Baixas e Ribeiro, e autorizada en Monterrei e Ribeira Sacra. De pequeno tamaño e forma esférica, con pel grosa de cor amarela semellante á palla, brillante e irisacións douradas e verdes, en acios pequenos que agroman cedo e teñen unha maduración precoz; é a nosa caste máis resistente a Botrytis. De alto nivel de azucre e acidez, entre os seus aromas diferenciais destaca o pexego.
O nome albariño ou albariña procede de albar e albo, ‘branco’. Da súa frecuencia no país, xa no XIX, dá conta a relación epistolar entre Valladares e Rosalía Castro.
brancellao
Uva tinta, de uso recomendado en Ribeira Sacra, Ribeiro e Valdeorras e autorizada en Rías Baixas. De bagos curtos a medianos, elípticos e con pel grosa vermella violácea, en acios grandes e soltos, fornece ulido a froitos vermellos e untuosidade. Con maduración doada pero media.
Este nome é probable que proceda do latín vulgar brancea, ‘ramallo’.
loureira branca
Uva branca de uso preferente en Rías Baixas e Ribeiro, autorizada asemade en Monterrei e Ribeira Sacra. A loureira tinta está recomendada en Rías Baixas. Esférica e de tamaño pequeno ou medio, agrúpase en acios dourados a verdes, uniformes, grandes e alongados e non compactos, onde a madurez é moi tardía. As súas características son a acidez e mais o aroma floral e fresco, a loureiro. Existe tamén un tipo loureiro bravo.
O nome de loureira ou loureiro procede claramente de louro, e este do latín laurus, que tiña o significado ‘escuro’ e tamén valía como nome do arbusto que hoxe chamamos loureiro. Neste caso, o nome, máis que pola cor, explícase probablemente polo aroma que infunde e que, como indicamos, recorda á planta das lauráceas.
caíño tinto
Uva tinta, recomendada en Rías Baixas, Ribeira Sacra e Ribeiro. Ten forma esférica, é de tamaño mediano e coa pel grosa, de cor negra azulada escura. Preséntase en acios de tamaño medio, non compactos. Produce un viño algo acedo e agridoce, con notas cítricas, florais e de froitos vermellos. Existe outra variedade, chamada caíño branco, menos usada pero cunha altísima taxa de conservación da acidez.
O nome puido ter a súa orixe na voz latina caninu, ‘relativo ao can’, en alusión quizais ao ‘escaso tamaño ou calidade’, aínda que varios investigadores desbotan esta interpretación e argumentan que o nome da uva puido derivar dun nome propio, en concreto, do bíblico Caín.