augamar

Unha marea de poesía

Este verán percorremos Galicia dende Ribadeo ata A Guarda, sempre á beira do mar. No Portal das Palabras adoramos o interior, os seus ríos, montañas e devesas, pero despois de tanto confinamento precisamos o cheiro a marusía máis ca nunca e decidimos emprender unha viaxe ao longo dos 1.498 quilómetros da costa que baña esta terra. E facémolo na mellor compaña posible: a vosa e a da poesía. A marea de versos vén cargada de palabras relacionadas co mar que inspiran os poetas dende os tempos dos trobadores medievais e o Rexurdimento ata a actualidade. Comezamos!

augamar | gaivota | furna | buguina | salseiro | robaliza | pailebote | cantil

Dous corazóns aniñan no peito mariñeiro,
un deles sempre é doce, malia ser aguamar
salgada, con raíces no infinito do corpo,
e o segundo de pedra, que leva arterias cordas
e que ancora cada home no seu lugar do mundo.
Gameleiros, Miro Villar (2002)

Unha única augamar movéndose ritmicamente no océano é capaz de compoñer unha imaxe hipnótica… se a admiramos nun acuario ou nun documental de Jacques Cousteau. Se a atopamos ao nos mergullar na auga, o bichiño mariño vólvese daquela máis prosaico, sobre todo se nos roza cos tentáculos. Abonda un leve aloumiño para arrincarnos un proído nada agradable! Así e todo, a augamar, non se pode negar, é fermosa, e en galego témoslle un nome á altura da súa beleza. Os científicos chámanlle Pelagia nocticula, na nosa costa preferimos denominala augamar, voz composta de dous substantivos que nos din moito dela: “auga” –o seu corpo está composto en máis dun 90 % polo líquido da vida– e “mar”, que por algo é unha especie mariña.

Certo é que tamén atopamos outras variantes como augamá ou augamala, que revelan que baixo unha imaxe delicada e translúcida o seu xeito de se defender de curiosos ou depredadores é segregar unha substancia urticante. Esta razón xustifica igualmente que se lle chame ortiga do mar. Ollo! Non a confundades en terra mariñeira coa ortiga sen apelidos, que vén sendo o peixe Torpedo marmorata.

Augamar, augamá, augamala… Todas estes son termos patrimoniais que se localizan ao longo da costa galega para identificar o que os de interior tenden a chamar medusa. A orixe destoutra voz culta atopámola no latín medusa, que bebe á súa vez do grego Medousa ‘gardiá’, a criatura monstruosa da mitoloxía que tiña serpes por cabelo e convertía en pedra a quen a ousaba mirar. A forma latina mantense en distintas linguas romances, igual ou con leves variantes, para nomear este animal do grupo dos celentéreos: en portugués, catalán, castelán e italiano tamén se lle chama medusa; en francés, méduse; e en romanés, meduză.

Os ingleses téllenlle outra palabra composta que fai referencia á feitura do seu corpo, jellyfish, que poderiamos traducir máis ou menos como peixe de xelatina, pero temos claro que augamar é a máis poética de todas as maneiras de chamarlle. Para mostra, estes versos de Miro Villar: Dous corazóns aniñan no peito mariñeiro, / un deles sempre é doce, malia ser aguamar / salgada…”. E o autor sabe ben do que fala. M. Villar naceu á beira do Atlántico, en Cee, e formou parte do Batallón Literario da Costa da Morte. Como poeta ten publicado Ausencias pretéritas (1992); 42 décimas de febre (1994); Abecedario da desolación (1997; premio Tívoli-Europa 1998); Equinoccio de primavera (1998; finalista do premio Tívoli-Europa 1999); Gameleiros (2002), de onde extraemos estes versos; e As crebas (2011, premio Concello de Carral), outro poemario que sabe a mar dende o título.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir