Das limitadas pegadas que ten o árabe na nosa lingua esta é unha das máis curiosas, pois a mesma raíz serve para denominar unha froita, un animal doméstico e, probablemente, un peixe.
Todo comeza co étimo: al-bakur, que en árabe significa ‘bévera’ ou ‘figo precoz’. Mantendo o artigo inicial consérvase en castelán baixo o lema albacora ‘bévera’ e no catalán cunha variante sen el: bacora, da que atopamos un fermoso sinónimo: figaflor para as galegas béveras. En cambio, desta raíz desprovista do artigo inicial xorde a denominación galega bácoro ‘porco pequeno que aínda mama’, cos sinónimos leitón, rancho e marrancho, ou a derivada co sufixo –iño: bacoriño. O diminutivo é utilizado a nivel dialectal para designar unha clase de figos: a da primeira colleita da figueira, as béveras precoces, segundo a información xa recollida polo padre Sobreira, continuador na segunda metade do século XVIII do labor lexicográfico de Sarmiento, que fala dos «figos bacoriños».
A idea de precocidade é a que atopamos tanto en bácoro como bacoriño cando designan a cría do porco que inda mama, único significado que recolle o DRAG. Este termo foi rexistrado inicialmente por Martín Sarmiento no seu Catálogo de voces y frases de la lengua gallega, e o mencionado Padre Sobreira xa o relacionou en “Vegetales de Galicia” co árabe de bakur que indica ‘precoz’ e ‘temperán’.
Finalmente, Corominas, indica que a acepción da raíz que atopamos no galego pode ser a que estea na palabra albacora, cando a denominación significa ‘bonito’, que é a unica que recolle o DRAG, peixe parecido ao atún pero máis pequeno; consérvase así no árabe marroquí e, nalgunhas partes, mesmo designa ao peixe máis novo.
Queda claro que do porco todo se aproveita; neste caso, o nome tamén.