
Militares queiman libros no Chile de 1973, após o golpe de estado do xeneral Augusto Pinochet. (Fotografía exposta na mostra A biblioteca recuperada, Santiago de Chile, 2013)
“Sentir auténtica repulsión contra os libros, ata o punto de querer destruílos por medio do lume”, sería unha descrición posible do que sofren as persoas que experimentan a biblioclastia, a expresión máis radical de bibliofobia, o odio ao libro.
O cambio da terminación de –fobia a –clastia expresa a diferenza de significados. Como vimos cando tratamos as fobias curiosas, o constituínte –fobia entra en palabras compostas para expresar a noción de ‘odio, rexeitamento’. Porén, no caso de –clastia, o seu valor semántico ten que ver coa idea de ‘ruptura’, ‘quebrantamento’ ou ‘destrución’, precisamente os significados do seu étimo grego –clastia, formado a partir do verbo kláo (de onde o adxectivo klastos, ‘roto en anacos’), que hoxe traduciriamos precisamente por ‘romper’, ‘quebrar ’ ou ‘destruír’. Aínda é posible ir máis atrás na raiceira deste morfema, xa que os especialistas aseguran que estaría relacionado cunha hipotética forma protoindoeuropea, *kla– ou *kel-, que presenta a mesma noción de ‘romper’ e que estaría tamén na base doutras palabras moi dispares respecto a estas, como poden ser clero ou igrexa, calamidade ou incólume.
Hai moitos exemplos de biblioclastia histórica. Os libros foron sempre, para certos extremistas relixiosos e réximes totalitarios, un obxecto altamente perigoso. A queima de libros fíxoa, no golpe de estado de 1936 e nos anos seguintes, o goberno da ditadura, requisando os centros culturais republicanos e obreiros ou a biblioteca do Seminario de Estudos Galegos. Os falanxistas aprenderon as maneiras ardentes dos mestres da Inquisición, que vixiaban a chegada aos portos de libros ingleses e franceses, con letras protestantes e ilustradas. Por sorte, é ben sabido, como dixera Rivas, que os libros arden mal, pois aínda quedando a páxina chamuscada, non resulta doado reducir o pensamento a borralla. A piromanía contra a palabra escrita vén de moi lonxe: Exipto, a China antiga da dinastía Quin ou a tristemente famosa Biblioteca de Alexandría, a maior biblioteca do mundo antigo, en chamas, por dicir só algúns dos primeiros momentos da historia en que simbolicamente se quixo facer arder na pira todo o que significase liberdade, cultura e contestación; unha obsesión incendiaria que non se sufoca co paso dos séculos, como ben demostraron Pinochet, Videla, ou os queimadores serbios da Biblioteca de Saraxevo durante a guerra en Bosnia.
A terminación -clastia na terminoloxía científica
Na lingua moderna, obsérvase a presenza de –clastia en moitas palabras. Trátase de voces cultas, que agroman no vocabulario científico e técnico, do século XIX en adiante. Non están incluídas no Dicionario por tratarse de termos especializados, non da lingua xeral, mais documéntanse en artigos, publicacións científicas, programas de materias universitarias etc. Por exemplo, no ámbito da xeoloxía, atopamos termos referidos a cando se gretan ou fragmentan as rochas, como crioclastia, hidroclastia, haloclastia e mais termoclastia; os seus significados especifícanse por medio do elemento inicial, tamén de orixe grega, onde se expresa a causa ou detonante da ruptura: crio– ‘frío’, hidro– ‘auga’, halo– ‘sal’, termo– ‘calor’. Tamén existe o adxectivo clástico –a, que se aplica ás rochas ou sedimentos constituídos pola unión de fragmentos de rochas preexistentes.
Entre -clastia, -clase e -clasta
Á par de –clastia, –clase, coa mesma orixe e significado, tamén se emprega no vocabulario científico e aparece tamén no campo da xeoloxía, en diáclase e litóclase, ambas as dúas referidas a fracturas líticas. Pola súa banda, –clasta emprégase para construír adxectivos. Un exemplo coñecido é iconoclasta (sen variación morfolóxica de xénero), que significa ‘rompedor de imaxes’ (en grego, eikón -ónos é ‘imaxe’ ou ‘figuración’). No século VII, denominou os seguidores dun movemento político relixioso bizantino que negaba o culto ás imaxes e propugnaba a súa destrución mais, hoxe en día, usámolo principalmente en sentido figurado, para describir as persoas que non respectan os valores tradicionais ou considerados sagrados.