buguina

Unha marea de poesía

Este verán percorremos Galicia dende Ribadeo ata A Guarda, sempre á beira do mar. No Portal das Palabras adoramos o interior, os seus ríos, montañas e devesas, pero despois de tanto confinamento precisamos o cheiro a marusía máis ca nunca e decidimos emprender unha viaxe ao longo dos 1.498 quilómetros da costa que baña esta terra. E facémolo na mellor compaña posible: a vosa e a da poesía. A marea de versos vén cargada de palabras relacionadas co mar que inspiran os poetas dende os tempos dos trobadores medievais e o Rexurdimento ata a actualidade. Comezamos!

augamar | gaivota | furna | buguina | salseiro | robaliza | pailebote | cantil

Onde as fauces da quenlla costeira
devoran bombas de océano,
sangra solpores a Terra do Mar.
Os seus beizos de buguina
falan dun nordés envelenado
e chuspen naufraxios
sobre redes de cons.
Un mar de sensacións, Rosalía Fernández Rial (2011)

 

Desde a Costa da Morte chéganos o son dunha buguina. Esta costa é terra vizosa en poesía e de poetas, onde o mar se converte en protagonista dos seus versos. Imos atoparnos cunha poeta actual: Rosalía Fernández Rial. Nada no ano 1988, viviu de nena entre Carballo e Muxía. Inda que é nova, ocupa xa un lugar relevante na relación dos poetas costeiros. Estamos diante dunha muller multidisciplinaria. Ela mesma indica que “a arte é unha e moitas ao mesmo tempo”, e por iso xunta na súa obra a ilustración, a música e a dramatización.

A autora describe  o mar dende a costa, e mesmo podiamos dicir que describe a costa que habita nese mar que coñeceu dende cativa, o da Costa da Morte. Alí onde a terra e mar interactúan e marcan a forma de ser, de estar no mundo e de sentir dos seus habitantes. Nestes tempos modernos a tecnoloxía sofisticada dos radares permite recoñecer a costa sen a ver. Pero houbo un tempo, non tan afastado, en que desde o mar se sabía a proximidade da terra grazas á luz dos faros. Mais cando había densa brétema e apenas se vía, daquela os mariñeiros advertían da súa presenza facendo soar as buguinas.

O modo máis habitual de termos unha buguina é fabricándoa coa cuncha do becho do que toma o nome, o maior do caracol mariño, denominado cientificamente charonia lampas. Segundo a etimoloxía a palabra buguina procede do latín buccina ‘trompeta’. Tanto o gasterópodo en cuestión como a súa cuncha son tamén coñecidos baixo outras formas irmás como bucina e bucio. Ou curmás como corno, que remite ao latín cornu e que xa significaba ‘corno’ ou ‘chifre’, instrumento que produce un son agudo ao poñelo nos labios e soprar. Se vos parecen poucas alternativas, engadimos unha máis: corna. Pero ollo, esta última só denomina a cuncha do corno, buguina ou bucina!

Chamémoslle como lle chamemos, se queremos oír ben unha buguina debemos cotarlle a punta e facerlle unha forma que non nos magoe os beizos. Se o construímos ben, conseguiremos así un aerófono (instrumento de aire) ben potente. Tendo en conta a súa orixe mariña, é fácil entender que a buguina sexa un obxecto asociado con frecuencia ao ambiente da costa. Pero non servía só para se orientar no mar e regresar ao porto nas xornadas de visibilidade escasa; tamén resultaba moi útil cando se ía vender peixe fresco para anunciar o produto ao chegar ás portas.

Unha alternativa ás buguinas naturais atopámola en Buño (Malpica). Nesta localidade da Costa da Morte fabrícanas de barro cocido e con forma de cono. A tradición vénvos de lonxe. E se non nos credes, prestádelle atención ao sartego de Fernán Pérez de Andrade (século XIV), na igrexa de San Francisco de Betanzos, que habedes atopar nel un testemuño ben fiable: a representación máis antiga dunha buguina da que temos constancia en Galicia, tocada por un home que participa na escena de caza tallada na pedra.

O sartego deste cabaleiro medieval recórdanos que as buguinas tamén tiveron a súa función no interior. En zonas de Ourense, a xente nova empregábaas para anunciar que comezaba o tempo do Entroido; e en Arbo, no sur de Pontevedra, usaban unha buguina denominada apupa para indicar o período de rega das leiras. O Dicionario recolle, de feito, a variante apupo como un sinónimo máis de buguina, de novo tanto para falarmos do animaliño como da súa cuncha empregada como aparello acústico.

 

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir