Montes e serras: O Cebreiro

Festa no Cebreiro. Foto de Ángel del Castillo. (Negativo de cristal), c. 1910. Biblioteca da Fundación Barrié

A montaña de Galicia : unha volta para 2018

Se no verán de 2017 percorremos as nosas praias, neste ano imos facer un percorrido pola outra face de Galicia.
Coñecida é a dualidade do noso país, con trazos diferenciais entre a montaña e o mar tan marcados que ás veces un pode cambiar de universo nunha breve camiñada. Inda que non pretendemos comezar unha nova xeira de competición xeográfica que xa estamos bastante servidos, este ano o noso cantar vai de montaña:

Anque che son da montaña,
anque che son montañesa,
Anque che son non me pesa.

Montes e serras:

O Cebreiro | O Pindo | O Xistral | O Xurés | A Capelada |
Faro | O Courel | Os Ancares | Pena Trevinca |

 

O Cebreiro é a porta do Camiño Francés para entrar en Galicia. O santuario situado nunha pequena aldea do Concello de Pedrafita do Cebreiro, paso obrigado dos peregrinos a Santiago que subían Os Ancares dende as terras do Bierzo, é unha igrexa de estilo prerrománico, pertencente a un antigo mosteiro cunha orixe que podemos situar no século XI. Aquí está depositado, segundo a lenda, o vaso do Santo Graal, que figura no escudo histórico do reino de Galicia e que con tanto esforzo e devoción procuraban os cabaleiros do rei Artur nas lendas da Táboa Redonda (a chamada “materia de Bretaña”) na literatura medieval.

O topónimo Cebreiro fala sen dúbida dun lugar onde había numerosos cebros, igual que existe un Cebreros en castelán, nas terras de Ávila, seguramente coa mesma orixe. Mais, que eran exactamente eses cebros? A palabra cebro (non cervo) procede do latín Equus ferus e deberiamos traducila por ‘cabalo bravo’, máis ben unha especie de asno bravo que noutrora habitou estas montañas e que hoxe está desaparecida. Hai quen o relaciona co onagro, Equus hemionus, equino salvaxe que quizais viviu nalgúns lugares montañosos de Europa, ou máis preferentemente de Asia, onde seica sobrevive unha subespecie nas montañas de Persia.

Velaquí como a toponimia dá conta do tempo pasado, mesmo ás veces do máis remoto. O cebro galaico do Cebreiro xa non existe, pero deixou pegada na memoria dos lugares que habitou. Equinos bravos, acaso próximos a aqueles cimarróns que en tempos dos romanos habitaban as montañas galegas e dicían que os preñaba o vento. A palabra “cebra”, que é onde se agachou ao final este vello étimo, define unha especie equina africana que nada ten que ver coa que aquí comentamos. Deses tempos remotos vén tamén a palabra Pedrafita, que lle dá nome ao concello onde se asenta o santuario de Santa María. Pedrafita vén do latín petra ficta, pedra cravada, chantada na terra, a xeito de anta ou menhir, por poñer un caso. Un menhir é unha pedra fita (fincada), memoria do tempo das mámoas e dos monumentos megalíticos.

Cáliz do cebreiro fotografado por Ángel del Castillo

Estas terras dos Ancares e do Cebreiro están cheas de lendas, historias pretéritas, moitas delas relacionadas cos mitos e as tradicións do Camiño de Compostela e a Galicia medieval. A historia do Santo Graal no santuario é unha delas. A tradición di que ata aquí, nos extramundis da Terra, trouxeron o cáliz sagrado no que Xosé de Arimatea recolleu o sangue de Cristo cando morreu na cruz, vaso sagrado que os cabaleiros da Táboa Redonda, no reino da Bretaña do rei Artur, saían a procurar coa ansia de recuperar, desa maneira, a Idade de Ouro que a humanidade extraviara.

O cáliz do Cebreiro é un vaso de ouro, obra do século XII, acaso procedente da tradición francesa, que se exhibe nunha capela lateral da igrexa e dá conta dun milagre que se produciu naquelas épocas, segundo o cal un paisano e un cura, en pleno inverno dos Ancares, rodeados pola neve e a coriscada, asistiron na misa á conversión do pan e o viño na verdadeira carne e no verdadeiro sangue de Xesucristo. Os Reis Católicos, que peregrinaron a Compostela en 1486, detivéronse no santuario e fixeron ofrendas e agasallos na memoria do milagre, que seica inspirou a ópera Parsifal de Richard Wagner (1882) , así como os versos de Na noite estrelecida de Ramón Cabanillas (1926), entre outras referencias literarias.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir