Cen anos de Mais Alá!

A palabra manifesto vén directamente do latín manifestus. O primeiro elemento, manus, está claramente referido á man, pero o segundo é escuro, porque o latín, lonxe do que tendemos a crer, non é unha ciencia exacta. Manifesto, en todo caso, é o que se expón á vista de todos, inda que non se saiba con exactitude en que contribúe -festum a este significado final.

Ás veces un sente a necesidade de que o que pensa quede á vista de todo o mundo. Ese é o sentido dunha manifestación popular. Os que pensamos dun xeito manifestámonos, expoñemos a nosa opinión ou o noso desexo á vista de todos. O dereito a calar o que se vota e o dereito a dicir o que se pensa son as dúas caras esenciais do que entendemos por liberdade.

Preme en Mais Alá! para lelo.

Porén os artistas, que ás veces parecen un chisco misteriosos nos seus versos, outras, senten a necesidade de seren explícitos, de declararen o que pensan. Nos inicios do século XX proliferaron esta sorte de declaracións de principios. Nós temos a fortuna de contar cunha delas, coma unha pedra basal da nosa cultura: o manifesto Mais alá!

Cadaquén pode tirar del as súas propias conclusións. Nós quedamos hoxe coa distinción fundamental entre vellos e devanceiros. Manuel Antonio, o eterno mozo de Rianxo, non é hoxe un vello escritor senón con toda xustiza o noso devanceiro.

O poeta do mar e da vangarda publicou Mais alá! o 28 de xuño de 1922. Hoxe celebramos o seu centenario gozando unha vez máis da lectura desta liñas xeniais, pero non só iso. Compartimos tamén convosco unha alfaia conservada na biblioteca da Fundación Barrié: o borrador do propio manifesto. O orixinal de Manuel Antonio constaba de dez follas (15 x 22 cm) escritas a lapis e pluma, das que se conservan seis, faltando a 5, 6, 7 e mais a derradeira. O texto do envés da folla 8 aparece invertido no propio orixinal. Nel pódese apreciar, ademais das particularidades do proceso creativo, a autoría exclusiva de Manuel Antonio, que asinou o manifesto, como é sabido, co debuxante Álvaro Cebreiro. O documento permitiu a edición crítica da obra completa en prosa de Manuel Antonio do académico Xosé Luís Axeitos, editada pola Real Academia Galega e a Fundación Barrié xunto a outros textos de Manuel Antonio. Non deixedes de admiralo e berrade connosco: Máis alá!

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir