As costas galegas son consideradas un territorio primordial para a conservación dos cetáceos pola abundancia e a diversidade de espécimes. A súa presenza no noso litoral fai que posuamos unha ampla relación de denominacións propias neste campo. Esta circunstancia fixo posible, por outra banda, a aparición dunha actividade económica baleeira importante e prolongada no tempo, desde o século XIII ata a prohibición da captura destes mamíferos mariños no XX, localizada nos portos cantábricos de Bares e San Cibrao e nos portos do Atlántico da Costa da morte e da ría de Vigo.
Os cetáceos son mamíferos que se adaptaron ao medio mariño. A denominación procede do latín científico Cetaceus, esta voz fórmase co termo grego kêtos ‘monstro mariño’, e o sufixo latino –aceus ‘relacionado con…’. Estes animais serían mamíferos terrestres que habitaban no Eoceno en áreas da actual India e Paquistán que retornaron ao medio acuático para atoparen alimento e protección dos depredadores.
Os termos golfiño e delfín designan na nosa lingua os individuos da familia dos delfínidos, que miden entre dous ou tres metros, mandíbulas prolongadas e estreitas, dotadas de dentes, de cor gris, azul ou branca. Por outra banda, as baleas son de grandes dimensións, posúen aletas e teñen nas mandíbulas unhas estruturas filamentosas −barbas− coas que filtran o alimento. As denominacións delfín e golfiño proceden ambas as dúas do étimo latino delphinus ‘peixe do mar’; a primeira é un cultismo e a outra é a voz patrimonial. A palabra balea procede do equivalente latino ballaena, étimo común a outras linguas románicas tamén. A cría desta chámase baleato, nome que se converteu tamén nun apelido fáunico (aquel que xorde dun alcume referido a animais considerados negativos polo seu comportamento ou por algunha característica física) que, segundo os datos da cartografía dos apelidos, presenta unha alta concentración nas comarcas de Santiago de Compostela e Ordes, afastadas as dúas do mar.
Nas nosas costas avístanse distintas especies: o rorcual común (Balaenoptera physalus) e o rorcual de aleta branca, a balea vasca ou balea franca do Atlántico (Eubalaena glacialis) e o xibardo (Megaptera novaeangliae), todas elas posúen barbas e son parentes das baleas. Ademais, tamén se achegan ao litoral galego cachalotes (physeter macrocephalus), as candorcas (orcinus orca), caldeiróns (Globicephala melas). Estes últimos caracterízanse polo gran tamaño e porque posúen dentes, que os converten en animais temibles e protagonistas de lendas desde a antigüidade. Estes nomes son derivados aumentativos que aluden ao aspecto físico destes animais. A cabeza grande (cachola) no caso da voz cachalote; no caso de caldeirón faise referencia a unha cabeza de gran tamaño e coa forma dun caldeiro; a denominación de xibardo débese á xiba que se observa no lombo do animal cando se mergulla. O nome candorca probablemente estea relacionado co latín orca ‘monstro mariño’, quizais resultado da composición *can de orca. No caso de arroaz -cuxo nome científico é tursiops truncatus– a noción de cabeza de gran tamaño xa aparece no propio étimo, porque procede probablemente dunha forma árabe peninsular *arrawwás ‘cabezudo’. A única denominación que fai referencia a ter menor tamaño é a toniña (phocoena phocoena) que é o máis pequeno dos parentes do golfiño e así o reflicte o seu étimo *thunnina, derivado do latín thunnus mediante sufixación apreciativa.