Xogos tradicionais
As XXXII Olimpíadas, terán lugar do 23 de xullo ao 8 de agosto de 2021 no Xapón. Mais, que lonxe quedan esas terras nipoas!!! pero nós imos participar, se vos presta, grazas aos xogos tradicionais.
As diferentes culturas deron orixe a unha gran variedade de xogos e deportes tradicionais que representan a riqueza cultural dun pobo. Daquela promover a práctica destes constitúe unha tarefa importante. Estes entretementos contribúen ao entendemento entre os diferentes grupos culturais e sociais. Teñen unha vantaxe importante, non requiren instalacións, nin equipamento custoso, de aí que sexa ben achegar o xogo e o deporte a todo o mundo, mesmo a aqueles de escasos recursos.
Por todo isto, imos darlles un repaso a algúns, que coñecemos abondo, para divertirnos este verán e brincar un chisco.
mariola | birlos | agocho | chapas | as lombas | billarda | chave | petanca | pilla
Quen non foi ao campo da festa, logo da verbena, para apañar nas chapas que quedaban arreboladas do bar da comisión? Era a mellor forma de facerse coas raras ou coas de bebidas que nunca entraban na túa casa. E logo, para que ías querer tal tesouro? Había quen facía colección delas: as raras, as de deseño, as que se conseguían doutros lugares…; porén, a maioría queriámolas para xogar.
A finais do século XIX comézanse a fabricar botellas con tapón de chapa para as bebidas carbónicas que se vendían como tónico medicinal e onde o máis importante era que non perderan as burbullas, o único chiste que tiñan. Logo de varias propostas diferentes de tapón, William Painter patenta en Baltimore a crown cork —unha cortiza con coroa, xa que o interior do tapón estaba elaborado deste material, ata que foi substituído por plástico—, que permitía o traslado de bebidas con gas sen que perdesen as calidades. Máis tarde, coa popularización deste tipo de embotellado e mais a proliferación das chapas dun só uso veu o tema da diversión e, ao tempo, un xeito de reutilizalas.
O xogo das chapas ou xogar ás chapas é un entretemento moi popular entre a rapazada de non hai tanto tempo e de gran sinxeleza, xa que non require de mercar enredos especiais e, daquela, resulta económico. Tan só se precisa unha chapa para cada persoa que xogue e mais un terreo onde desenvolver o xogo. Píntase un percorrido, que deberá ser arrevesado, cheo de curvas, rectas e sinais que farán o xogo máis divertido. O obxectivo é chegar o primeiro ao final do circuíto. Cada xogador ou xogadora terá tres tiradas, se non se sae do carreiro, para avanzar. Se saes fóra ou caes nunha zona de castigo, daquela a quenda pasará aos outros participantes. Para comezar é conveniente encher as chapas con lama ou terra prensada para que pesen máis, e despois empúrranse mediante un golpe co dedo maior da man axudado co polgar.
Aparece tamén unha segunda versión: aquela na que se debuxa un campo de fútbol. Xorde así o fútbol-chapas, onde as portarías eran caixas de cartón; o balón, un garavanzo, e cada participante ten dezaseis chapas —once titulares, tres suplentes e dous porteiros—.
O substantivo chapa é definido polo DRAG como “tapa de botella ou dun bote feita con chapa xeralmente de latón”. A súa orixe é onomatopeica e acabou por ser a escolla para o termo inglés crown cork, que foi adaptado de diferentes xeitos nas linguas da nosa contorna, como podemos observar: tap corona, capsule-couronne e tappo a corona. Todas elas recorren a denominacións que fan referencia á súa forma, semellante á dunha coroa; emporiso, os falantes da nosa lingua inclináronse polo material co que se fabrican, a chapa.