
Sol negro e campesiñas. Luís Seoane, 1973. (Colección da RAG)
O Dicionario da Real Academia Galega define comadre nas acepcións relacionadas co parentesco, pero na fala popular esta voz refírese tamén á veciña ou á amiga na que se ten especial confianza. Con este último significado, que lembra as mozas e vellas que se prestan apoio para faceren fronte aos contextos adversos e que se fan tamén compaña nos bos momentos da vida, vén empregándose dende hai moito tempo. Bebendo deste herdo tradicional, hoxe reivindícase dende o feminismo consciente como un xeito de se referir a aquelas que practican a sororidade, a solidariedade entre mulleres. E nese empeño de moitas comadres do século XXI de teceren redes de visibilidade para a súa mensaxe, esta voz acaba de se converter na Palabra do Ano 2022.
O feminismo, un dos movementos máis determinantes no avance social dos últimos tempos, está a vivir na última década un novo momento de auxe. Comadre ao se converter na Palabra do Ano 2022 da lingua galega reflicte a pegada que está a deixar este na conversa pública cotiá. Comadre procede do latín tardío commāter, -tris onde xa indicaba unha relación de parentesco semellante e común para todos os romances de Occidente. O Dicionario da Real Academia Galega defínea así como “nai dunha persoa con relación ao padriño ou á madriña desta” ou a “madriña dunha persoa con relación ao padriño ou aos pais desta”. Mais na lingua familiar comadre tomou unha significación particular e compartida igualmente con outras linguas da contorna, a de veciña e amiga coa que se acaba por ter un trato de máis confianza que con calquera outra. Esta acepción de veciña e amiga recollíaa xa Marcial Valladares na súa obra lexicográfica de 1884, puntualizando que pertencía á lingua familiar. Pero a mesma significación, con definicións máis ou menos enriquecidas, aparece tamén en distintos dicionarios actuais doutras linguas latinas como o portugués, o español, o italiano ou o francés.
A relación de confianza e intercambio entre mulleres que ilustra a voz comadre vén de vello. Ao longo da historia e nas diferentes culturas as mulleres quedaron relegadas ao fogar. Foron privadas de dereitos reservados aos homes e invisibilizadas nas súas achegas. Porén, foron quen de tecer redes de apoio mutuo, repartindo o traballo, compartindo preocupacións para facelas máis levadías, e tamén o lecer. Sendo entre si, en definitiva, auténticas comadres.
Esta relación de confianza feminina vese reflectida en certas celebracións tradicionais como o xoves de comadres do Entroido. Nesta xornada as mulleres reuníanse a celebrar entre elas, sen o escrutinio masculino. A súa orixe parece remontarse ás Matronalias romanas, festas en honor a Xuno Lucina nas que as mulleres casadas recibían agasallos e un trato preferente; e mesmo as escravas eran dispensadas das súas tarefas.