convención

Xa acabou practicamente o verán e as reunións que nos quedan por diante, algunhas serán festeiras, mais, co comezo do curso, xorden as reunións de intercambio de coñecementos académicos e científicos. Desta maneira poden organizarse convencións, xuntanzas de persoas de procedencias distintas pero que teñen intereses compartidos, nelas aprovéitase a ocasión para intercambiar opinións ou métodos de traballo e para poñer en común resultados de posibles investigacións. A maiores o vocábulo ten a acepción de “acordo tomado por varias persoas ou grupos sobre un asunto importante” , o froito xurdido da propia convención.

“Esta foi a reacción tras coñecer o bosquexo das conclusións do cume “O futuro que queremos”, un acordo de mínimos que vén reafirmar os principios do Cume da Terra do 92: daquela tiveran lugar tres convencións internacionais sobre o cambio climático, a biodiversidade e a Axenda 21, e estabelecíase o desenvolvemento sustentábel como responsabilidade compartida de todos os países.” Lara Rozados, Sermos Galiza, 22 de xuño de 2012

No ámbito político a voz especialízase como o ‘congreso dun partido político concreto’. No eido internacional chama moito a atención a convención do nomeamento presidencial nos EE.UU., porque tenn moita pompa e moito seguimento dos medios de comunicación. O termo etimoloxicamente procede do latín conventio que significaba ‘pacto entre algúns’, ‘concurso’ ou ‘xunta’. Outro vocábulo relacionado con temas políticos e ideolóxicos e as xuntanzas é congreso cando se refire á “reunión de persoas para tratar un asunto de interese común, particularmente cando se trata de temas científicos ou profesionais ou de dirección e organización dun partido político, sindicato etc.”. Procede do latín congressus que significaba ‘encontro’, relacionado co verbo congredior ‘achegarse a alguén para falar’.

Onde tamén xuntamos persoas para intercambiar ideas é nas conferencias, nestas hai unha persoa que fala -a conferenciante- e un auditorio disposto a escoitar e intervir ao final para facer preguntas ou debater. A palabra procede do latín conferentia ‘reunión’, que é unha voz derivada do verbo confero que, entre as moitas acepcións que posúe, significa ‘deliberar’.

Cando se xunta xente da cultura, como poden ser artistas, escritores e escritoras e mesmo filósofos e filósofas, chámaselles ás reunións cenáculos. Este vocábulo culto procede do latino coenaculum que significaba ‘comedor de arriba’, pero tamén ‘ático’. Era o lugar apartado onde se podía cear e por iso tamén se vincula ao lugar onde se celebrou a derradeira cea de Xesucristo e os apóstolos. Se en vez do gremio dos artistas se congregan os científicos para falar do seu,  iso denomínase simposio. De novo encontrámonos cunha voz de orixe culta que nos leva aos symposion que na Grecia antiga era banquetes onde se bebía, mais tamén se conversaba de diversos temas. De feito, un dos máis coñecidos diálogos de Platón titúlase Συμπόσιον, Sympósion (que coñecemos como O Banquete), e deste título é de onde se toma a acepción de reunión de carácter científico.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir