Montes e serras: Courel

O Courel, Moncho Sabin. (1992). Biblioteca da Fundación Barrié

A montaña de Galicia : unha volta para 2018

Se no verán de 2017 percorremos as nosas praias, neste ano imos facer un percorrido pola outra face de Galicia.
Coñecida é a dualidade do noso país, con trazos diferenciais entre a montaña e o mar tan marcados que ás veces un pode cambiar de universo nunha breve camiñada. Inda que non pretendemos comezar unha nova xeira de competición xeográfica que xa estamos bastante servidos, este ano o noso cantar vai de montaña:

Anque che son da montaña,
anque che son montañesa,
Anque che son non me pesa.

Montes e serras:

O Cebreiro | O Pindo | O Xistral | A Capelada | O Courel | O Faro | O Xurés | Os Ancares | Pena Trevinca

O Courel é no noso imaxinario a terra de Novoneyra. Esta terra non só o inspirou lingüísticamente senón que foi directamente soletrada nos seus poemas que constituen así un dos poemarios onde máis abonda a toponimia nun país onde a toponimia se mide por metro cadrado.

Embarcarnos polos eidos de Xan de Parada hanos servir non so para saber o pouco que é un home, senon tamén para atoparnos cun lugar onde a paisaxe e a lingua se compenetran perfectamente co ser humano. Un lugar onde as pónlas chámanse brelos e os raios do sol loairas… Imposible non recordar aquí as aventuras do Portal coa rapazada do Instituto de Folgoso.

O Courel volve levarnos a un étimo cunha orixe da que non temos certidume.  A hipótese que o relaciona co Latín Quadru, quadra a partir dun dimutivo quadrellu, quadrella que daría o portugués courelo ‘nesga de terra de cultivo’ atópase coa dificultade de estar moi acreditado documentalmente, desde o ano 1000 a forma Courel que é a que se dá como oficial. Por esta razón parecería mellor considerar unha orixe prerromana relacionada coa orografía.

Para non perder é o baño no río Lor, coa súa auga xélida e o nome tan señorial, onde inda se pode un sentir transmutado nunha troita e vixiar o voo dos cabaliños do demo e, ollo, dos tabaos, a rentes da superficie da auga.

Na devesa da Rogueira unha fenda na rocha descobre dous mananciais constituíndo a única fonte da que teñamos noticia que da auga de dous sabores: cristalina e de ferro, para que vexamos que o de laranxa ou limón non é un invento orixinal do márketing moderno.

 

Foto de Moncho Sabin (1992). Biblioteca da Fundación Barrié

Máis abaixo, no Sil, un exemplo dos antigos excesos da enxeñería romana que o mesmo que As Médulas xa foi adoptado pola natureza dando lugar a un recanto ben fermoso: o túnel de Montefurado.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir