COVID-19?

Imaxe de Markus Distelrath

Cando aparecen novos termos na lingua, non sempre sabemos usalos. Estas semanas estamos a empregar palabras que nos resultan novas e que, evidentemente, poden acabar sendo usadas con menos precisión da debida.

Falamos disto polos nomes que recibiu o novo tipo de coronavirus que nos levou á corentena e mais a enfermidade que provoca. Vemos con frecuencia que se emprega o termo *COVID-19 para falar do virus, pero, en realidade, isto non é de todo correcto. Este coronavirus recibiu diversos nomes no último mes: primeiro coñecíase como coronavirus de Wuhan, pola cidade da provincia de Hubei da China en que apareceu; posteriormente, como 2019-nCoV, seguindo unha primeira nomenclatura científica e, finalmente, foi denominado como SARSCoV2. A enfermidade provocada por este virus recibiu, pola súa banda, o nome de covid-19. Sobre esta denominación debemos facer unhas aclaracións.

Covid-19 é o nome da enfermidade, non do virus, e polo tanto deberíase manter o xénero do substantivo que designa. Covid é o acrónimo de COronaVIrus Disease, “enfermidade do coronavirus”, así que, en galego, debe dicirse “a covid-19”, do mesmo xeito que dicimos “a sida” para nos referir á “síndrome de inmunodeficiencia adquirida”.

No que respecta á ortografía dos acrónimos, temos diferentes formas de escribilo: todo en maiúsculas COVID; con inicial maiúscula e o resto minúscula Covid ou, se o consideramos un nome común xa lexicalizado, escribiríase todo en minúscula covid. Hai varios exemplos na nosa lingua de palabras que son o resultado da lexicalizacións de siglas ou de acrónimos, e que a día de hoxe probablemente non identifiquemos como tales. É o caso de sida, que comentamos antes, ou láser –acrónimo de amplification by stimulated emission of radiation, “amplificación de luz mediante emisión inducida de radiación”- ou o caso curioso de “tergal”, este coñecido tecido que recibe o nome dunha marca comercial rexistrada, un acrónimo que se construíu sobre o elemento ter- de [ácido] tér[eftálico], un dos compoñentes deste tecido- e -gal -de gal[o].

A presenza deste virus pandémico nas nosas vidas fixo que se tivese que actualizar o Dicionario incluíndo o termo como unha nova entrada: covid-19. Hai que lembrar que mentres ande aquí, e sexa tan común, unha redacción recomendable para nos referir a el e á enfermidade que provoca sería: “o SARS-CoV-2 é o causante da covid-19”, aínda que, no caso do virus, sempre podemos optar por dicir simplemente o coronavirus.

 

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir