Imos darlle unha volta ao termo médico cribado. Defínese como a “busca sistemática que se aplica a unha poboación determinada para detectar as persoas afectadas por unha enfermidade ou unha anomalía aínda non manifestadas clinicamente”, segundo nos indica TERGAL, a base de datos do TERMIGAL. Nas linguas próximas observamos que acoden a palabras formadas de xeito semellante como se ve no catalán e o castelán: cribratge e cribado que beben semanticamente do inglés to screen, que significa ‘cribar’. Mentres que outras denominacións se forman sobre o concepto de ‘indagación’, en francés rexístrase dépistage; en portugués, despistagem ou rastreio, e en italiano emprégase o anglicismo screening ou o galicismo depistage.
Este termo técnico e propio do ámbito sanitario achéganos a outra acción máis doméstica: cribar, que é “pasar algo polo cribo ou criba para limpalo do que interesa separar, como a fariña do farelo, o gran da palla” ou “limpar impurezas ou defectos”. Trátase dunha palabra derivada sobre o nome cribo ou criba, que vén sendo un “instrumento formado por unha caixa circular cun fondo de coiro con furados ou cunha rede de metal de malla máis ou menos fina, que se emprega para cribar certas sementes, como o trigo, chícharos, millo, fabas etc., limpándoas daquelas partículas máis grosas que interesa separar”, e remite ao étimo latino cribrum, que tiña un significado semellante. Da súa familia son o romanés ciur, o lombardo kribi, o francés cribler, o catalán griva, o castelán cribo e o portugués crivo.
Como acontece con outros pares de palabras, nalgúns lugares diferenciamos entre o cribo e a criba segundo o tamaño da caixa, dos buratos ou polo grosor da malla, dependendo do uso a que se destine. O Dicionario dinos que o seu sinónimo perfecto é zaranda, orixinario do árabe da Península Ibérica sarand, procedente do persa sarand ‘cribo’. Unha variante do cribo é a peneira, aquela de “caixa de madeira, con fondo de coiro con furados ou ben cunha rede de metal de malla máis ou menos fina, que se emprega para separar as partículas de distinto grosor que constitúen certas materias, como a fariña, a area etc.”. A criba utilízase para limpar cereais ou cousas de certo grosor e a peneira emprégase exclusivamente para fariñas. A voz peneira é irmá da asturleonesa peñera, e probablemente deriven dun latín *pellinaria co significado de ‘peneira de pel con furados’. Sobre este substantivo peneira formouse o verbo peneirar ‘pasar algo pola peneira’.
A peneira de malla fina é coñecida como baruto no occidente de Galicia, pero as persoas do oriente galego empregan o termo bortel e no centro hai un pequeno espazo onde usan a palabra xirgo. De todas elas, quizais sexa a palabra zaranda a que ten un uso máis restrinxido: emprégase no interior da provincia de Lugo, en Navia.