Criomicroscopia

Imaxe xerada por criomicroscopia electrónica da estrutura dun virus

O Nobel en química de 2017

Desde 1901, os Nobel enxalzan as achegas claves para a historia da Humanidade. Jacques Dubochet, Joachim Frank e Richard Henderson son os gañadores do Nobel de química 2017 pola súa contribución á aparición da criomicroscopia electrónica que permite ver en 3D virus como o do Zika e así axudar a combatelo.

A Academia das Ciencias de Suecia concedeu o premio Nobel de química 2017 a tres biofísicos europeos: Jacques Dubochet (Aigle, Suíza, 1942), Joachim Frank (Siegen, Alemaña, 1940) e Richard Henderson (Edimburgo, Escocia, 1945) por desenvolveren a criomicroscopia electrónica para a determinación estrutural en alta resolución de biomoléculas en solución.

 Lingüisticamente estamos ante un neoloxismo creado a base da acumulación gradual de elementos descritivos. A ‘técnica de observación cun microscopio’ denomínase microscopia, con entoación grave –ao igual ca outras da mesma familia, como endoscopia ou rinoscopia, formadas grazas á terminación de orixe grega –scopia que significa ‘mirar atentamente’–. Coa creación, en 1931 do primeiro microscopio electrónico, que utiliza feixes de electróns no canto de luz, sendo moito máis potente ca os ópticos, xurdiu a microscopia electrónica. E agora engádeselle á unidade terminolóxica o prefixo crio– do vocábulo tamén grego krúos ‘frío’ e que no ámbito da física, a química e a medicina vén utilizándose para indicar ‘emprego do frío’.

 

Xerando imaxes inéditas

Probablemente estamos ante un método revolucionario de observación, que permite ver as biomoléculas –compostos químicos que ao se xuntar forman a materia viva– en tres dimensións. A técnica permite conxelar o movemento das moléculas e visualizar procesos nunca antes observados, feito de vital importancia para a compresión química da vida e con posibles aplicacións no desenvolvemento de fármacos máis eficaces. O sistema que a estrutura molecular quede completamente preservada, xerando imaxes de, por exemplo, prións –un tipo de proteína infecciosa– dunha calidade sen precedentes, o que axuda a comprender o seu desenvolvemento e a imaxinar como frealo.

Cómpre mencionar tamén a creación dun acrónimo empregado en diversas linguas, como o francés, italiano ou o inglés: cryo-ME, formado polo prefixo e as iniciais de “microscopia electrónica”.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir