Danza do abellón

Agora que remata o ano dedicado a Antonio Fraguas, quédanos unha última oportunidade para introducírmonos nunha das súas divulgacións antropolóxicas, a Danza do abellón. O cotobadés recolleu un relato sobre esta superstición no seu volume Galicia insólita, publicado primeiro na colección Biblioteca Básica de Galicia da editorial Librigal e despois reeditado no número 51 dos Cadernos do Seminario de Sargadelos de Ediciós do Castro e noutros lugares. Este rito documéntase por primeira vez nun poema de Alfredo Brañas que gañou un accésit nun certame poético convocado e publicado na Coruña por La Voz de Galicia no ano 1894. A composición foi reeditada n’O Tío Marcos d’a Portela e no semanario Revista Gallega en 1900 co motivo do pasamento do autor.

E de que vai esta curiosa historia? Segundo a experiencia relatada por Alfredo Brañas neste poema, el mesmo descubriuna cando participou nun velorio en Vilanova de Arousa. Nun momento dado entraron todos os asistentes no cuarto onde se velaba a defunta e… comezaron a dar voltas arredor dela zoando baixiño coma un abellón! A crenza que estaba detrás deste curioso comportamento sostiña que aquel que deixase de fungar sería o primeiro en morrer. Polos comentarios dos versos, Brañas parecía non estar moi de acordo e pedía a prohibición desta superstición por parte da Igrexa. Poida que para que o poeta tivese esa opinión axudase a catástrofe que seguiu aquel episodio: con tanta xente e tanto baile, o piso cedeu, algúns asistentes quedaron esmagados e mesmo morreu unha vella (outra).

A interpretación antropolóxica e etnográfica que se lle adoita dar a este ritual sinala que a abella simboliza as almas inmortais nas culturas antigas. Por outra banda, o feito de que as abellas limpen a colmea de cadáveres parece que explicaría o zunido dos asistentes ao redor do cadáver para eliminar o “mal aire” que xera a morte. Isto pode atoparse tamén en culturas tradicionais tan diversas e afastadas como a vasca, a grega, a latina, a galesa, a xermánica, a exipcia ou a siberiana.

Hai que dicir que mentres que a abella goza de boa reputación na fraseoloxía galega, o abellón tena nefasta. O refraneiro é boa mostra: Mentres dicimos O que mata unha abella ten cen anos de pena, atopamos tamén estoutra paremia cunha mensaxe ben diferente: O que mata un abellón ten cen anos de perdón.

En canto ao becho ao que nos referimos, ollo, porque en galego aparece unha dificultade engadida, xa que non se ten moi claro a que animal en concreto se refire o termo abellón. Esta palabra pode aplicarse ao macho da abella, Apis mellifera (cos sinónimos abáboro e abázcaro), pero tamén a outros insectos que gardan certo parecido formal con este animal pero que son himenópteros sociais de xéneros completamente distintos. É o caso do abesouro (ou abellón) e o de Vespa crabro, da familia da avéspora, cuxas denominacións son abáboro, abázcaro, tártago e abellón. Para rematala de todo, o lexema e a grafía híbridos avespón úsase en terras do Sil para referirse ao abesouro.

En relación con esta tradición documentada nas terras da Arousa, pode comprobarse que o Dicionario recolle as dúas acepcións, a danza e o velorio na entrada abellón. Esta última palabra créase mediante un proceso derivativo co sufixo aumentativo -ón a partir da palabra abella, que bebe á súa vez no equivalente latino apicula, diminutivo de apis (ou apes), nome que os romanos lle daban ao animal produtor de mel. Relacionadas con abella, non son poucas as entradas do Dicionario, tanto de palabras patrimoniais como cultismos: abellariza, abelleiro, apiario, apícola, apicultor, apicultura…

Máis alá do latín, é moi difícil seguirlle a pista ás orixes do vocábulo apis, pero hai varias hipóteses: pode ser herdado de linguas itálicas e relacionado co latín acus, ‘agudo’ (polo ferrete); vinculado co indoeuropeo e parente do alemán Imme (‘colmea’); ou emparentado co exipcio vía semítico *aj, ‘abella’.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir