Logo do samaín xa nos están a petar á porta os magostos, comidas nas que se toman castañas asadas, polo xeral acompañadas de viño. Cando se fan en comunidade os magostos convértense en verdadeiros acontecementos festivos.
A protagonista desta celebración é a castaña, o “froito comestible do castiñeiro”, voz que vén do latín castanea, e que ten como sinónimo o vocábulo bullote ou billote; termo empregado en gran medida na provincia de Ourense, que ten a súa orixe no latín bulla ‘burbulla’. En todo o territorio galego podemos atopar sen dificultade a árbore que as dá, o castiñeiro, castañeiro ou castiro, no ámbito científico denomínase castanea sativa, mais na lingua común é unha palabra formada sobre o nome do froito engadindo o prefixo -eiro. En Galicia desde o tempo dos romanos abundan os soutos (produto da evolución do latín saltu), castañais ou as castiñeiras que son os terreos poboados de castiñeiros. Estas plantacións aparecen con particular profusión durante a consolidación dos mosteiros bieitos dedicados ao viño, posto que precisaban a madeira para facer as pipas e os pipotes. Logo, no século XVII, a súa popularización como alimento das clases modestas chegou a ter tal dimensión que as castañas galegas se comercializaban nas feiras e mercados europeos. Daquela convén saber as distintas maneiras de como as podemos degustar e nomear. Mamelas, mamotas, zamelos ou zonchos son as denominacións que reciben as ‘castañas cocidas con tona’, e cando se cocen sen tona coñecémolas como burgazos. Se se asan, denomínanse caroucóns, bullós ou carrolos, e a acción de cociñalas deste modo denomínase magostar, voz que se relaciona con agostar e agosto, o mes do ano de máis calor e cando máis queima. E na sobremesa tomamos paparotes que che son as “castañas brandas e doces”. Lambonada que se achega ao marron glacé da gastronomía francesa. Aquelas que se conservaban secas e sen tona para comelas noutro momento, coma no Nadal, son as garulas, maias ou maiolas.
As castañas ocupaban un lugar moi importante na alimentación en Galicia, e este produto foi en gran parte substituído polas patacas, cando estas chegaron aquí despois do descubrimento de América. Isto explica que nalgúns lugares as patacas sexan coñecidas como castañas da terra (segundo o Dicionario “tubérculos da pataca”), e tamén castañas mariña (xa que viñan do outro lado do mar).
É relativamente frecuente que unha cor reciba o nome dun froito que a posúe, e este é tamén o caso da castaña, de lle dá nome á cor marrón. De aí que o Dicionario nos diga que castaño, -a é un adxectivo co significado “que ten a cor parda escura, coma a da castaña”. De castaña deriva tamén o adxectivo acastañado, -a que se usa para cualificar algo “que tira á cor da castaña”.