Día da escritura á man

O Día da escritura á man celébrase nos Estados Unidos cada 23 de xaneiro desde o ano 1977. Organízase como un xeito de destacar o valor da caligrafía e as bondades e as vantaxes que ten este medio de representación escrita fronte á mecanización que supoñen as pantallas, os teclados etc.

O termo escritura procede do latín scriptura, -ae ‘liña trazada’ ou ‘acto de trazar caracteres’ que, á súa vez, deriva do verbo scribere ‘marcar’ que deu lugar a vocábulos derivados en practicamente en toda a Romania. Esta idea de raiar achéganos á orixe e historia da escritura, xa que así foi como comezou, persoas facendo incisións, cortes, sinais e outras marcas sobre diferentes superficies, hai máis de 5.000 anos e sempre co obxectivo de transcender, de deixar pegada, sexa por razóns máxicas, por motivos relixiosos, culturais ou simplemente como recoñecemento dunha propiedade. A escritura é un invento humano que trasladou a lingua falada á dimensión visual. Por iso, o Dicionario define escrita como a representación gráfica dun idioma.

A calidade e beleza desa representación gráfica, que en tempo chegou a ser un oficio, coñecese como caligrafía –dos termos gregos κάλλος, (kállos), ‘fermoso’ e de γράφειν, (graphein), escribir ou gravar–. Do termo di o Dicionario que é escribir á man con boa letra, mais tamén “o conxunto de trazos que caracterizan a escritura dunha persoa ou escrito”.

É doado ver reflectida na lingua a importancia que lle outorgamos a escribir á man, é dicir, aos chamados textos manuscritos. Por exemplo, a expresión está da súa propia man para indicar a responsabilidade de alguén sobre un texto, ou deixar algo no tinteiro, para lembrar aquilo que non se falou ou non se tratou.

Moitos especialistas din que crear textos manuscritos reporta múltiples beneficios, ao combinar tres procesos cerebrais: o visual, o motriz e o cognitivo-perceptivo, contribuíndo a un mellor desenvolvemento do cerebro e a impulsar a intelixencia das persoas. Tamén se cre que cando collemos notas á man retemos máis información que se o fixésemos cun teclado; ou que escribir con lapis ou bolígrafo “ábrenos a mente”, potenciando a imaxinación e a creatividade, moito máis que cando o facemos cun medio mecánico.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir