O bico é a boca das aves (tamén peteiro), de certos animais e mesmo das persoas. Se se considera a voz como sinónimo de boca, podemos explicar, por metonimia, que se denomine bico a manifestación de agarimo que se realiza con esta parte do corpo. Todo o territorio galego falante coñece o termo e sabe empregalo para indicar esta mostra de afecto. A orixe da palabra crese que radica no termo celta bekkus de significado semellante. Ten como sinónimo o vocábulo beixo que procede do latín baisum que se empregaba para designar o ‘bico que se pousa nos beizos’. Este nome é recoñecido no sur de Galicia, sobre todo, na provincia de Ourense. Tamén empregamos como denominación sinónima chucho, un derivado do verbo chuchar que remite ao latín vulgar *suctiare que significaba ‘chupar’, que localizamos no norte do territorio, na provincia de Lugo. O nome culto ósculo, que só atopamos na literatura bebe directamente do latín osculum, onde significaba ‘bico que se daba nas fazulas ás amizades’.
A fraseoloxía galega recolle unha serie de locucións que toman como base de formación o nome bico nas distintas acepcións: boca ou beixo. Partindo da acepción sexta, a relativa a mostra de afecto, temos expresións coma as seguintes: comer a bicos, coa que se indica que se dan moitos bicos e dun xeito reiterado cun matiz que denota exceso. Outra frase que recoñecemos facilmente e moi popular é o bico de Xudas coa que o falante pretende facer referencia á traizón da persoa que actúa con engano en clara alusión ao relato bíblico. Nunha época na que a moral impoñía recato nas relacións sentimentais ten sentido o dito os bicos non fan fillos pero tocan as vésperas. Son comúns, por outra banda, as paremias nas que a voz bico toma a significación de boca ou peteiro. Só así podemos explicar torcer o bico, que dá idea de rexeitamento, cando torces o bico é porque o que ves ou che din non che gusta, non che convence. O valor de untarlle o bico é o de adulación, cando alguén te gaba de máis coa intención de acadar algo de ti sen que, ao mellor, o merezas. Case sempre para convencer alguén cómpre ter bos argumentos e sabelos expoñer, aínda que se te pasas podes quedar de falangueiro e indiscreto, daquela cobra valor a frase ter moito bico. Se ser un ou unha laretas representa un problema, sería un bo consello: garda o bico e terás paz, porque calar o bico é a garantía de non falar de máis. Só podemos entender o refrán a galiña, polo bico pon, se interpretamos bico como sinónimo de ‘peteiro’, e quere dicir que se alimentas ben o animal, poderás obter maior beneficio e, trasladado a outros ámbitos, se pretendes rendemento de algo, terás que proporcionar as circunstancias mellores para que sexa posible.
“Todo eran aplausos ó remate. Saían unha e outra vez para facer reverencias, mandar bicos e bater palmas tamén.” (Laura Camino: Galicia Hoxe, 18-2-2005)
“–Sentiríame feliz de ver publicadas as Memorias dun neno labrego nunha lingua africana. (…) Viviane Furtado Brito respondeu cun abrazo acompañado con dous beixos.” (Marga Doval: Sermos Galiza, 24-12-2015)
“Camiñaron, entre risos, cara ao bar. Chámome Marcos… E parou para dar un par de chuchos nas meixelas a cada unha das rapazas que se ían presentando.” (Paco Martín: A bisneta lercha. Contos de sempre para ler hoxe, 2006)